«Allariz é un invento municipal»

O Bloque gañou as municipais cun 69 % dos votos, dous anos despois da revolta. Anxo Quintana, Antonio Blanco e Francisco García lembran o que pasou naquel 1991


ourense / la voz

Cando se produciu a rotunda primeira vitoria do Bloque Nacionalista Galego nas eleccións municipais, en 1991, Anxo Quintana levaba dous anos ao mando do Concello de Allariz. Erixírase como líder da revolta popular que desembocou nun peche na casa consistorial que, logo de tres meses de encerro no edificio municipal -entre agosto e novembro de 1989- rematou coa dimisión do ata entón alcalde, Leopoldo Pérez Camba (Centristas de Galicia). O triunfo electoral en maio de 1991 -cun 69 % dos votos, que lle adxudicaron ao Bloque trece concelleiros- veu ratificar o apoio popular á revolta e a eses primeiros anos de xestión.

Anxo Quintana lembra que o BNG xa gañara as eleccións xerais que se celebraran no ano da revolta e que foron unha sorte de comicios «plebiscitarios». Nas anteriores municipais, en 1987, o BNG quedara ás portas do goberno local: perderan por só 19 votos. Durante aquela campaña electoral de 1991, e despois das votacións, sobrevoou o proceso xudicial ao que foron sometidos Quintana e outros catorce veciños, acusados de atentado e coaccións polos sucesos da revolta nunha vista oral que se celebraría na Audiencia Provincial de Ourense a finais de ano. «O auténtico proceso era o de onte e o veredicto é bastante claro», valoraba para La Voz o líder nacionalista logo daquel domingo electoral. «Foi un argumento de campaña. O proceso xudicial durou moito tempo», admite Quintana.

Na Audiencia saíron absoltos das acusacións pero o fiscal García-Malvar recorrera en casación diante do TS. O Alto Tribunal desestimou o recurso o rexedor nacionalista foi suspendido -non inhabilitado, precisa Quintana- para o cargo de alcalde durante seis meses. Nese período, xa en 1993, asumiu o bastón de mando Antonio Blanco, que era concelleiro de Cultura e tenente de alcalde. Este profesor de Historia, que formou parte da corporación durante doce anos, analiza por que triunfou o nacionalismo de esquerdas neste municipio: «Allariz tiña tradición de dereitas pero co que fixeron os de esquerdas lles ía mellor. Revalorizáronse os seus bens, os negocios e había mellores servizos. Que o BNG estivo detrás é unha evidencia. Houbo unha conta de resultados en positivo e a xente seguiu apoiando», salienta.

Quintana considera, non obstante, que o triunfo da revolta e posteriormente nas eleccións, foi de todo «inusual». «Hai moitas loitas e protestas que acaban en derrota. Nós gañamos. Chegamos ao goberno e fixemos o que dixemos que íamos facer. Aquí destilamos unha cultura de pensar que a política é algo serio e colectivo», defende. Unha das claves, para Quintana, de que o BNG gañara e se consolidara en Allariz era que tiñan un proxecto: «Salvar o río e salvar o futuro de Allariz».

Esa era o lema, lembra Antonio Blanco, escrito con letras brancas sobre fondo negro. Francisco García, que tamén estaba nese primeiro goberno nacionalista e sucedeu a Quintana na alcaldía, recorda aquel tempo como «un período febril, de grande participación social e ilusión pola transformación da vila. Ese selo fixo posible o chamado milagre de Allariz como gran obra colectiva». Se Blanco lembra o lema e as cores da pancarta, García menciona as fotos de Pili Prol en La Voz de Galicia, que aínda lle poñen «a pel de galiña» porque amosan esa participación, con xente maior e nova. Nos meses da revolta, da que se cumpre este ano o trixésimo aniversario, déronse -cre García- «formas de loita moi imaxinativas, con grande achega social. Unha experiencia como a de Allariz, de protesta firme, masiva e pacífica non creo que hoxe fora valorada. Tense retrocedido en moitos dereitos». Coinciden todos en que o conflito estalou como final a «un grandísimo descontento veciñal», que viña de lonxe. E non foi espontáneo, senón que se foi fraguando en «anos, con movementos asociativos, en asociacións culturais, deportivas, na pesca...»

Esa corrente de apoio conseguírona manter nos seus anos de goberno; e ata hoxe, pois o BNG segue a ser a forza maioritaria en Allariz en todas as eleccións. E iso que dentro da formación tamén había distintas formas de pensar e pluralidade, pero iso non supuxo un problema, din.

Na acción de goberno, naqueles primeiros anos, atopáronse con atrancos pero tamén con posibilidades, que aproveitaron con enerxía. A principios dos noventa, Allariz tiña cinco mil habitantes. «Cando chegou o equipo redactor do primeiro PXOM, baixaron polo Portelo e dixeron que non había xente. Dixémoslles ‘tranquilos, que a vai haber, vamos a facer a planificación e xa virán’. Hoxe Allariz ten máis de seis mil veciños», conta Quintana. Blanco afirma que se lle deu a volta ao argumento de que Allariz non podería medrar estando a vinte quilómetros de Ourense: «Eran os mesmos vinte quilómetros para vir aquí a xente de Ourense, a comprar, á hípica ou á piscina». Outro atranco era que Allariz non fora cabeceira comarcal nin tivera potencial agrícola. Por iso, Anxo Quintana sostén: «Allariz é un invento municipal».

Desde o Concello trazaron unha estratexia de xerar economía cos valores naturais e patrimoniais nos que destacaba Allariz. Estaba todo sen facer e por elo a caixa do Concello quedara chea, con 82 millóns de pesetas, que se aproveitaron para facer obras por administración. Co tempo virían o Premio Europeo de Urbanismo (1994), a Reserva de Biosfera (2005) e o auxe de Allariz como destino turístico, comercial e festivo.

Logo das municipais de 1991, o Concello comezou a ter colaboración institucional, salvo da Deputación de Ourense, matiza Quintana. A Xunta e o Goberno central aprobaron programas para Allariz, como as escolas obradoiro, que permitiron rehabilitar edificios no casco histórico ou a zona do río. Pola súa banda, o equipo municipal do BNG acometeu medidas que, a priori, podían ser impopulares, como peatonalizar rúas, tirar as bancadas do campo de fútbol ou crear unha empresa municipal de autobuses. «As decisións políticas tomábanse en base a necesidades», di Quintana. «Son necesarias corporacións con peso e cómpre capital político. De entrada son medidas que poden custar votos e a xente só se preocupa do inmediato», observa Antonio Blanco.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
35 votos
Comentarios

«Allariz é un invento municipal»