«É moi necesario que a sociedade aprenda a valorar a artesanía»

lara deprada / R. N. OURENSE

ALLARIZ

ÍÑIGO ROLÁN

Hai seis anos que Lorena Quintas quedou cega, pero iso non lle impide expor por toda Galicia

10 jul 2019 . Actualizado a las 18:22 h.

Lorena Quintas Rejo (Allariz, 1986) é unha moza que sofre dende hai seis anos cegueira total. No 2016 comezou a elaborar obras de arte mediante a técnica do fío. Levou a súa creación por moitas vilas galegas, e este martes estivo na Casa da Cultura de Verín amosando o seu proxecto «Galicia en Fío».

-Foi vostede estudante de Ciencias Empresariais na Universidade de Vigo. Por que decidiu cambiar o seu camiño cara ao mundo das artes?

-No momento no que quedei cega, hai xa seis anos, aprendín a facer estes cadros nun pequeno cursiño de traballos manuais, e como naquel intre non tiña ningún traballo da rama que decidira estudar pensei en levar a cabo este proxecto.

-Polo tanto, cal é o inicio de «Xogo de Fíos»?

-Pois vin unha oportunidade no mundo da artesanía e iníciase como unha experiencia de autoemprendemento neste ámbito.

-Que foi o que lle resultou máis complicado á hora de elaborar o proxecto?

-O máis complicado considero que sempre é darse a coñecer, que a xente te coñeza e que valore a artesanía. Polo tanto o máis difícil é cómo chegar ao público.

-No seu caso, cales foron os medios de difusión que empregou para darse a coñecer?

-Comecei a darme a coñecer a través das redes sociais, maiormente a través de Facebook e Instagram. Agora mesmo conto tamén cunha páxina web: www.xogodefios.com.

-Esta vez mostra o seu proxecto na vila de Verín, pero xa o ten presentado noutros lugares?

-Teño preparada a exposición de «Galicia en Fíos» para ir polos distintos concellos presentándoa. Tamén fago outros cadros de distinta temática, pero para a exposición escollín como tema Galicia, aínda que eu fago obras de todo tipo. Pero a unha exposición non se poden levar cadros de temáticas distintas, polo que para esta ocasión decidín escoller Galicia como tema.

-Por onde estivo expoñendo as súas obras recentemente?

-Estiven en Arzúa, e dentro da provincia de Ourense xa expuxen en moitos concellos; tamén estiven na zona de Chantada e no sur da provincia de Lugo.

-Ten pendentes novas exposicións proximamente?

-Si, segundo vaian saíndo. Polo de agora non conto con moitas máis, pero tento facer unha cada

mes, máis ou menos, e cada dous procuro ir cambiando as temáticas.

-Pensa nalgún intre en ensinar a outras persoas a traballar esta técnica?

-Si, agora mesmo estou empezando a facer obradoiros cando me chaman para que a xente poida aprender a facer estes cadros tamén.

-Cal é a clave da súa obra?

-Considero que hai que ter paciencia, e dedicarlle moitas horas de traballo.

-Claro, porque toda a súa creación é realizada con fío, non?

-Si, nada de pintura nin outras técnicas, todo de fío.

-Cantos anos leva facendo obras deste estilo?

-Case tres anos, máis ou menos.

-Considera que ten unha boa acollida por parte do público?

-Si, xeralmente si. Adoitan sorprenderse ao saber que é unha técnica de fío, e normalmente teñen boa acollida.

-Comentabamos antes que cambiara a dirección de empresas pola artesanía. Considera que neste momento é necesario impulsar este ámbito?

-Si, considero que é moi necesario que a xente aprenda a valorar a artesanía. Tamén a traballala, porque detrás de cada proxecto hai moitas horas de traballo, malia que en ocasións a xente pensa que son cinco minutos, pero non, hai horas e horas detrás.

-Nalgún momento pensa en retornar ao campo do que estudou?

-De momento gústame isto, no que estudei non atopaba nada no que traballar. Agora teño isto

e gústame, e dedícome de xeito profesional.