Novas xeracións recrean o espírito de «A lingua das bolboretas»

Alumnos de varios institutos da provincia participaron en Allariz nun roteiro nas rúas onde se rodou o filme

;
Roteiro língua das bolboretas en Allariz Roteiro língua das bolboretas en Allariz

ALLARIZ / LA VOZ

Os rapaces e rapazas que percorreron rúas de Allariz que aparecen en escenas da película A lingua das bolboretas, que se estreou hai vinte anos, non naceran aínda cando o equipo dirixido por José Luis Cuerda desembarcou na vila en 1998 para rodar o filme. Pero si algúns familiares e algún dos seus profesores do IES de Allariz participara como figurante.

Facendo paradas en distintos puntos da vila, os estudantes foron facendo recreacións e reflexións sobre temas da película. Sobre como eran a educación e os mestres na época da República na praza de Abaixo -onde na película estaba a escola-un xogo de adiviñanzas cun Manuel Rivas neno debuxado como personaxe dalgúns dos seus relatos na praza do Concello, ou coa «aparición» do mestre don Gregorio e o alumno Pardal, opinando sobre os carteis feitos por outros alumnos.

No roteiro participaron estudantes dos institutos Cidade de Antioquía de Xinzo, Carlos Casares, de Viana do Bolo, Blanco Amor, Ferro Couselo e Universidade Laboral, de Ourense, e os IES Aquis Querquernis de Bande e Celso Emilio Ferreiro de Celanova. Cada grupo achegou un traballo sobre os libros de Manuel Rivas para este roteiro, percorrido que preparou o profesor xubilado, Pilis, que participara activamente na rodaxe de Cuerda.

A coordinadora da biblioteca do IES de Allariz, María Sánchez, traballaba na celebración dun encontro entre varios centros no que participarían rapaces con algunha dote ou talento artístico, ben fora de plástica, literaria ou de escena, e a actividade vinculouse finalmente co festival de xardíns e coa visita de Manuel Rivas, detallou a docente.

Inspirándose no relato A lingua das bolboretas, incluido no libro Que me queres, amor?- que narra a historia da relación dun mestre da República e un rapaz da súa escola- os alumnos do IES alaricano deseñaron un xardín efémero para participar no festival deste ano, na parcela reservada para os centros escolares.

«No cole organizamos un seminario para os mestres e fomos vencellando o traballo cos rapaces. O deseño do xardín imita unha antiga escola e despois cada un foi achegando o seu gran de area, uns con debuxos, outros coas lecturas obrigatorias enfocadas con obras de Manuel Rivas, co colofón da visita deste», explica Carmen Pérez, profesora de Lingua Galega e Literatura e encargada do novo grupo de teatro, que está preparando unha obra sobre A lingua das bolboretas.

Os máis pequenos, alumnos de Primaria dos colexios Padre Feijoo de Allariz e do CEIP de Xunqueira de Ambía mantiveron logo o encontro con Manuel Rivas na Casa da Cultura.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Novas xeracións recrean o espírito de «A lingua das bolboretas»