Allariz promoverá a campaña «Sigamos tendo a festa en paz» para a celebración do Boi

La Voz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Santi M. Amil

O colectivo Xan da Arzúa e a área de Igualdade do Concello organizan a iniciativa

11 abr 2019 . Actualizado a las 08:10 h.

Unha Festa do Boi «libre de violencias e en convivencia» é o obxectivo da campaña que promoven para a celebración os organizadores da mesma, a Asociación Cultural Xan de Arzúa, e a área de Igualdade do Concello de Allariz. Teñamos a festa en paz! será o lema do Boi 2019 e baixo este berro o que se persegue é afortalar a convivencia entendida como «un espazo común para o encontro das persoas, coa necesidade de establecer pontes para o entendemento entre as persoas diversas». Segundo apuntan dende o colectivo Xan de Arzúa, a «boa convivencia, característica principal en todas as edicións da festa, fai posible que despois de décadas, se manteña máis viva ca nunca».

O lema do Boi deste ano trae consigo, ademais, a posta en marcha de ferramentas persoais que, a través dunha existencia amable, impliquen boa convivencia. «Allariz exclúe as violencias dos seus eventos e rexeita firmemente os comportamentos machistas e os que traen consigo algún tipo de violencia», segundo se sinala dende a organización e a área de Igualdade do Concello. Os promotores da festa lembran que o pobo se implica na mesma como símbolo do ben común.