A Deputación nomeará «fillo predilecto» da provincia ao escritor Alfredo Conde

La Voz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

SANDRA ALONSO

O presidente da institución comunicoulle ao propio escritor a súa decisión nunha xuntanza no pazo provincial

26 mar 2019 . Actualizado a las 08:06 h.

O escritor Alfredo Conde (Allariz, 1945) ten desenvolvido unha ampla carreira profesional que o ten levado a ser recoñecido con premios como o Nadal, o Nacional de Literatura, o Blanco Amor, o Julio Camba ou o Fernández Latorre de xornalismo, entre outros. Distincións e galardóns aos que no futuro próximo sumará un máis, aínda que desta volta nada terá que ver con algún dos seus títulos.

A Deputación nomeará a Alfredo Conde «fillo predilecto da provincia de Ourense», segundo anunciou o presidente do organismo provincial. José Manuel Baltar proporá o recoñecemento ao pleno da corporación provincial e segundo sinalou ao dar a coñecer a iniciativa, a mesma servirá para distinguir ao escritor «pola súa defensa da cultura ourensá ao longo da súa prolífica carreira literaria e como excelente embaixador da intelectualidade da provincia de Ourense».

O propio titular da Deputación foi o que comunicou a súa decisión ao creador de Allariz no transcurso dunha reunión que se celebrou no pazo provincial.

Baltar informou a Alfredo Conde que presentará a proposta correspondente para que se inicien os trámites administrativos para a distinción.

O presidente da Deputación de Ourense calificou o futuro nomeamento do escritor como un acto de «xustiza cultural para un dos grandes das nosas letras».