Bochum, irmandada coa capital asturiana, Oviedo, atópase na zona máis poboada de Europa, en North-Westfalia, apunta Julia para situarnos xeograficamente nunha cidade que, dentro da todopoderosa Alemaña, non é tan economicamente prohibitiva coma outras urbes. «Gústame -explica a investigadora allaricense- que é unha cidade pequena e está entre as cidades máis baratas de Alemaña. Ás veces boto en falla un pouco de apertura de miras nas opinións políticas, pero non podo deixar de pensar que é máis fácil culpar ao emigrante do que che pasa que ver a realidade». Outra vantaxe de Bochum, tanto para os residentes como para os visitantes, é a súa estratéxica situación: «È unha zona a unha distancia cómoda de Bruxelas, Amsterdam, París, Berlín ou Copenhague, destinos que podes visitar en tren».
Se o que se trata é de descubrir a súa cidade de acollida, Julia suxire unha visita á fábrica de cervexa Fiege e ao Museo da Mina, dúas propostas vencelladas a un lugar de gran tradición mineira e coñecido por ter albergado moitos anos a fábrica de Opel. Se o visitante busca natureza, «o lago Kemnader é espectacular» e para socializar, «no Bermuda 3Eck encontras sempre moi bo ambiente para saír de cena ou tomar unha copa».