Allariz vive a Feria de Outono con tapas, sorteos e exposición

La Voz

ALLARIZ

O pavillón do instituto e o Mercado da Reserva da Biosfera centralizan as actividades

11 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • De 10.30 a 20.00 horas (Pavillón do IES Allariz) e de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas (Mercado da Reserva da Biosfera) • A vila foi pioneira á hora de apostar por valorizar os produtos do monte e a Feira de Outono de Allariz hai 23 anos que atrae a milleiros de persoas de toda Galicia.

Logo das moitas actividades de onte, a xornada dominical chega cun amplo programa de propostas. Ás 11.00 horas comezará o concurso afeccionado «Tapa fría do Outono» -a decisión do xurado coñecerase ás 14.00 horas-. A esa mesma hora, dúas da tarde, haberá sorteo de premios.

Ás 12.30, 16.30 e 18.30 horas haberá sesións de «Allariz sabe a Outono», as clases de cociña ao vivo correrá a cargo dos alumnos da Escola de Vilamarín, o obradoiro de pan Osi Gourmet e unha presentación-degustación en A tenda do Pepiño. Ás 20.00 horas haberá un novo sorteo.

A Feira de Outono inclúe dúas zonas onde se centralizan as actividades: no Mercado da reserva da Biosfera hai exposición coas variedades máis comúns de cogomelos.

A próxima semana, Verín

Mentres tanto en Verín teñen todo preparado para a próxima fin de semana. A praza Maior será o centro neurálxico das actividades. Haberá exhibicións de cociña, unha carpa de alimentación e outra dedicada á gastronomía con actividades específicas.