De Valente á novísima poesía galega

La Voz

ALLARIZ

cedida

O Poemagosto abre as súas actividades cunha xornada chea de presentacións, recitais e música por toda a vila de Allariz

12 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o domingo • 11.30 horas (inauguración) • Diferentes espazos de Allariz • De balde (agás o xantar do sábado e o concerto de Tanxedoras) • A vila alaricana será durante tres días a capital cultural de Galicia nunha nova edición do Poemagosto, o Festival Internacional de Poesía de Allariz. O programa de actividades enceta esta mañá cunha cita coa memoria literaria dun dos grandes poetas do século XX. Ás 11.30 horas, na Fábrica de Vilanova, o poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer presentará «Valente vital». Despois haberá un recital poético no que participarán o propio autor, Carmen Blanco e Olga Novo. Unha hora despois comezará no Café Bar A Fábrica unha sesión infantil de clown e humor: «A vida tola», que correrá a cargo de Natalia Pajarito. Ao rematar encetará, no mesmo espazo, o Recital de Poesía Novísima. Olga Novo coordina a iniciativa e participan Iago González, Antía Balvís Moreiras, Lorena Fernández, Inés Outomuro, Nuria Fernández Robledo e Ángela del Canto.

 

A actividades da tarde comezarán ás 17.30 horas no Fío de Liño. Neste espazo presentará Estíbaliz Espinosa «Curiosidade».

 

De Compostela a Allariz

De seguido presentarase a obra «Breve biografía dun pseudopoeta», de Yasuhiro Yotsumoto. O autor chega co seu traballo á vila logo de presentar antonte a obra en Compostela xunto ao tradutor da mesma, Gabriel Álvarez. Ao rematar o propio Yotsumoto, Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Antonio Fernández Seoane protagonizarán o recital poético.

As presentacións continuarán pola Despensa do Alarico e a Fundación Vicente Risco. Na primeira, ás 19.00 horas, presentarase «90.3 de vaciante», de Isabel Martín. No recitado posterior participarán a autora xunto a Chus Pato, Oriana Méndez e Judite Canha Fernandes. Na Fundación Vicente Risco abrirase ao público a mostra «Cajas negras del exilio», de Manuela Parra. Os recitais da xornada rematarán neste mesmo espazo co protagonizado por Manuela Parra, Mohamed Abid e Raúl Vacas Polo.

A programación da xornada rematará co concerto de Mounqup e unha sesión de micro aberto. Será a partir das 22.30 horas no Arnoia Costas pop café.

O Poemagosto terá continuidade durante todo o sábado e o domingo pola mañá.