Poesía, música, debates e presentacións protagonizarán o Poemagosto 2018

La Voz

ALLARIZ

PEPA LOSADA

Allariz acolle nesta fin de semana un amplo programa arredor da creación literaria e artística

10 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 12, 13 e 14 • Diferentes espazos da vila • De balde • O Festival Internacional de Poesía de Allariz protagonizará a actividade da vila durante a fin de semana. Presentacións, encontros, debates, concertos, recitais, xantar e outras propostas encherán os diferentes espazos do pobo os días 12, 13 e 14. O programa do Poemagosto 2018 xa se pechou hai unhas semanas e onte celebrouse unha xuntanza de traballo para coordinar as actividades.

 

 

Lembrando a Valente

O venres encetarán as propostas do festival coa presentación da obra «Valente vital», de Claudio Rodríguez Fer. Será ás 11.30 horas, na Fábrica de Vilanova, e ao rematar haberá un recital do autor, Carmen Blanco e Olga Novo. Ás 12.30 horas, no Café Bar A Fábrica, haberá un espectáculo de humor infantil: «A vida tola», de Natalia Pajarito. Ao rematar ofrecerase un recital de poesía novísima; coordinado por Olga Novo e coa participación de Iago González, Antía Balvís, Lorena Fernández, Inés Outomuro, Nuria Fernández Robledo e Ángela del Canto. A tarde estará protagonizada polas presentacións: «Curiosidade», de Estíbaliz Espinosa e «Breve biografía dun seudopoeta», de Yasuhiro Yotsumoto en Fío de Liño (17.30 horas); en A despensa de Alarico presentará Isabel Martín Ruiz «90.3 de vaciante» (19.00 horas) e na Fundación Risco abrirá a mostra «Cajas negras del exilio», de Manuela Parra (20.00 horas). Logo das dúas presentacións haberá recitais poéticos. O programa pecharase ás 22.30 horas co concerto de Mounqup.

O patio do Museo do Coiro centralizará as actividades do sábado, agás o xantar -14.30 na Fundación Risco, 10 euros-. Comezará o programa coa proposta infantil «Niños raros y otros poemas de compañía», de Raúl Vacas Polo (11.30 horas). Francisco Álvarez presentará as súas obras «Un neno galego na emigración», «Vasoiras Barreiro» e «A memoria das palabras» xunto a Ramón Caride e Manuel Núñez (12.15 horas) e logo celebrarase un encontro sobre proxectos culturais.

Pola tarde (17.00 horas) haberá unha mesa redonda sobre «Poesía e feminismo» na que participarán Verónica Martínez, Chus Pato, Oriana Méndez, Carmen Blanco, Manuela Parra, Isabel Martín e Judite Canha. Ás 18,15 horas presentarase a revista «Ligeia» e ás 19.15 horas ofrecerase un recital de poesía. O concerto de Tanxedoras e Roberto Comesaña (22.00 horas e 5 euros de entrada) pechará a xornada.

Un combate poético na praza do Concello (11.30 horas) e o concerto de Najla Shami e Sérgio Tannus (13.15 horas)pecharán o Poemagosto na mañá do domingo.