San Bieito pon en danza a Allariz

lucía martínez / r. n.

ALLARIZ

Agostiño Iglesias

A procesión na honra do patrón da vila alaricana arrancará ás once e media da mañá

15 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa das festas de San Bieito incluíu onte o desfile de xigantes e de cabezudos, que estiveron acompañados polo grupo musical De pé feito. Ás doce e media os amantes da danza tiveron a oportunidade de presenciar a actuación do grupo compostelán Cantigas e Agarimos, no Campo da Barreira.

A xornada da tarde tivo como protagonistas especiais os máis pequenos coa Arnoia Radical, a carreira de obstáculos infantil-familiar, no Ferradal. Deseguido foi a quenda do concerto da Banda Unión Musical de Allariz, que actuaron na Alameda ás sete. Finalmente, foi a orquesta Nebraska a encargada de poñer peche ao día.

O último día das festas comeza co disparo das bombas ás dez da mañá. Toda a xornada estará chea de actuacións de grupos musicais como a Banda de Música Popular Airiños do Morrazo, que realizará un pasarrúas pola mañá e dous concertos na Alameda pola tarde, e a Agrupación de Música Tradicional Candaira. Ás once e media será a procesión do patrón da vila, San Bieito, acompañada polos cabezudos e grupos musicais. Ao rematar terá lugar a misa solemne. Por outra banda, a orquesta Royal Espectáculo actuará ás nove, na Barreira.

A festa finalizará, como é tradición, co espectáculo pirotécnico a cargo de Josman.