Allariz entrégase durante nove días á troula con ritmo de percusión, gaitas e carreiras

M. R. OURENSE/ LA VOZ

ALLARIZ

Santi M. Amil

A Proba dos catro animais deste ano será hoxe ás oito da tardeNesta primeira fin de semana, teñen lugar as actividades da parte histórica do festexo e a baixada dos bois dende Penamá 

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

? Historia, carreiras e música. Así se vive a Festa do Boi en Allariz. Comeza hoxe e prolongarase ata o domingo 3 de xuño. A festa conmemorou na pasada edición os 700 anos do acontecemento que deu orixe á actual celebración. A procesión de Corpus de 1317, na que interveu o fidalgo Xan de Arzúa para cortar as provocacións dos xudeus, quen vivían confinados extramuros e aproveitaban o paso da procesión polo seu barrio para se desafogar da marxinación oficial que sufrían. Segundo a historia, Xan de Arzúa subiu a lombos dun boi e cargado de formigas, afastou aos xudeus da procesión. Ese é o orixe da festa que mañá ao mediodía se recreará durante a procesión medieval.

Nesta primeira fin de semana, concéntranse os actos máis relacionados co aspecto histórico da festa, pero haberá tamén as primeiras carreiras e verbenas.

A festa foi evolucionando e o protagonismo, sen esquecer ao Xan de Arzúa, pasou a centrarse nos bois. Os nobres animais serán xa os principais atractivos dende a primeira xornada de hoxe. Durante toda fin de semana haberá no Campo da Barreira unha exposición de xugadas mansas. Cara o mediodía, estaba prevista a chegada dos bois que participan nas carreiras. Veñen de Penamá onde se crían e pacen e normalmente lévanse ata San Salvador, onde se adoita celebrar un xantar no que participan pandillas de amigos ou familias, algúns vestidos ao estilo medieval ou co identificador pano da Festa do Boi, que este ano é de cor verde.

A Asociación Cultural Xan de Arzúa, organizadora da festa, comunicou onte que se suspendía a baixada dos bois desde Penamá, e a comida en San Salvador, ademais do servizo de autobuses programado para chegar a zona do xantar. A parte do programa que se intentará manter, se o tempo o permite, e a recreación do Trato do Boi en Parcodeiro, ás seis da tarde, e a baixada cos bois ata o Campo da Barreira. 

 Baque do Tejo, un grupo de percusión afrobrasileiro, que será o encargado de convocar, con un pasarrúas, aos que falten para que se acheguen á Barreira. Alí instalado, terá lugar o saúdo do Correxedor de Honra e a entrega do sedeño, outro dos emblemas da festa, pois o boi, durante as carreiras e paseos por Allariz destes días, vai sempre coidado polos homes que o suxeitan con esta corda.

A Proba dos Bois comezará ás oito da tarde, dende a Casa do Boi, a corte dos animais. Será a primeira vez para correr -se o tempo o permite- cos catro animais que hai para toda a semana.

A procesión do Xan de Arzúa lembra as orixes medievais

O domingo é o día reservado para os actos relacionados coa orixe medieval da festa. Ás once abrirase un mercado medieval la rúa Pepe Puga. O grupo Treixadura anunciará a festa polas rúas e ao mediodía dará comezo a procesión medieval de Xan de Arzúa, na que se recrean os feitos da procesión de Corpus de 1317 cunha ampla participación de alaricanos, divididos en gremios como os que había no Medievo. Sairá do Eiró e cando chegue a Santo Estevo -extramuros, antigamente- producirase o enfrontamento cos xudeus. Logo será a carreira medieval do boi, o xantar medieval e concurso de trobadores.