José Gómez: «Hai un uso antigo dos cogomelos por parte do home»

ALLARIZ

cedida

O técnico do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán conta curiosidades desta especie na Feira de Outono de Allariz

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Feira de Outono de Allariz, que abre hoxe as súas portas no pavillón do instituto e no Mercado da Reserva da Bisofera, os cogomelos son un dos produtos importantes. Apreciados agora polo seu valor culinario, cada vez son máis os afeccionados á micoloxía. O técnico do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán José Gómez Bragaña leva colaborando coa feira desde os seus inicios. Hoxe, ás dez da mañá, fan unha saída para recoller cogomelos nos montes de Allariz e ás 18.00 horas dá unha charla no mercado sobre as curiosidades desta especie.

-Sobre que aspectos versará a charla?

-Trato de comentar curiosidades e cousas específicas, porque é unha especie de interese científico, pola súa forma de ser e de estar, alén do culinario. Tanto que forman un reino diferente, o reino fungi.

-Por que?

-Aparte da súa constitución celular, porque teñen quitina e non celulosa nas células, é unha especie que non é autrófoga, non absorbe alimentos do chan nin fai a función clorofílica. Os fungos fan una dixestión externa, aplican ácidos ou encimas ao que queren comer.

-Que usos tiveron historicamente?

-Hai un uso antigo dos cogomelos por parte do home. O home de xeo que apareceu nos anos oitenta, e que estaba moi ben conservado, tiña dous cogomelos, poliporos, duros. Empregábanse para facer lumes ou como cicatrizante. Foron utilizados para envelenar un César e algún Papa prohibiu recollelos para que non lle pisaran o terreo.

-Pese a divulgación, segue a haber intoxicacións accidentais. Por que sucede?

-O accidente máis frecuente é coa Amanita Phalloides e non sei por que, aínda que ten un aspecto bonito. É como confundir unha vaca cun cabalo. Só hai dez especies mortais. Hai moitas tóxicas, pero se só dan gastroenterite, moitas veces non se relaciona co consumo.