O Poemagosto encherá de poesía, música e cultura a vila de Allariz

La Voz

ALLARIZ

x

O certame internacional ofrecerá actividades durante toda a fin de semana

12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 13 ao 15 • Diferentes horarios • Allariz • Entradas concertos: airadasletras.gal/tenda. 1 día 10 euros (entrada máis libro), 2 días 15 euros (venres, sábado, camiseta e libro) • Durante toda a fin de semana, do 13 ao 15, celebrarase a cuarta edición do Poemagosto, o Festival Internacional de Poesía de Allariz. As actividades arrancan o venres, ás 20.30 horas, cun recital e concerto no Museo do Coiro. Participarán as poetas galegas Antía Otero e Yolanda Castaño e o músico Luis Pastor. Ao rematar, 23.59 horas, haberá no Roi Xordo festa e micro aberto para todo o que queira recitar ou tocar.

O sábado será o día central do Poemagosto, con propostas durante toda a xornada. Comezarán as actividades ás 10.30 horas cunha iniciativa poética: haberá recitado a cargo dos poetas participantes e micro aberto para todo o que queira sumarse á proposta. Desenvolverase polas rúas do casco vello. A las 11.30 horas estará o pallaso Peter Punk no Bule Bule (Praza de Abaixo) coa montaxe «Chungo que te cagas» e unha hora despois tocarán as pandereteiras de Escachaferreñas no Bule Bule e no Museo do Coiro. Neste último espazo, ás 13.00 horas, haberá unha charla-recital de Antonio Orihuela e David Castillo baixo o título «Poesía, Barcelona, Contracultura». O xantar do Poemagosto celebrarase a partir das 14.00 horas na Fundación Risco. O prezo do xantar é de 10 euros.

O sábado pola tarde, ás 17.00 horas, presentarase o libro «Hermano asno» e haberá recital de poesía (17.30 horas) no Museo do Coiro. Nunha carpa instalada na zona do Festival de Xardíns actuarán Folkólicos, A Compañía do Ruído e Raiba ás 21.00 horas.

O domingo celebrarase, en A Fábrica -por baixo da Alameda- un combate poético (11.00 horas) e haberá recital ás 12.30 horas. Rematará o Poemagosto co concerto poético de Cinta Adhesiva.