O Poemagosto acada a internacionalidade na súa cuarta edición

O festival de poesía e música de Allariz estenderase durante tres días de outubro cun amplo cartel de actividades culturais


ourense / la voz

O Poemagosto de Allariz acada a internacionalidade na súa cuarta edición. O encontro dedicado á poesía e á música prolongarase durante tres días, entre o 13 e o 15 de outubro. Un dos obxectivos dos organizadores era ampliar o calendario de actividades para reforzar a imaxe de Allariz como «vila literaria», dixo onte César Lorenzo, de Aira das Letras, na presentación do evento cultural na sé da Fundación Vicente Risco.

A internacionalidade amósase na presenza por primeira vez dun exemplo da poesía asiática, coa participación do chinés Hu Xudong e da brasileira Francesca Cricelli. Iso non merma o «compromiso coa poesía galega, sobre todo a feita por mulleres», segundo Lorenzo. A presenza feminina é ampla no Poemagosto: Antía Otero, Yolanda Castaño, Vanesa Glemsel, Irene Fernández, Olga Novo... Os poetas darán recitais polas rúas de Allariz, participarán en sesións a micro aberto e o domingo 15, nun combate poético entre os que escriben poesía en galego.

Nos últimos anos, explicou César Lorenzo, a poesía tomou un «cariz máis social». Publicar xa non é o obxectivo final e tampouco escribiren illados na soidade dos seus cuartos, senón que os poetas actuais difunden as súas creacións en directo e están en contacto co seu público, abundou. Carlos da Aira repasou os apoios empresariais que ten o Poemagosto e que permitiron o seu crecemento. Ademais de dar visualización internacional ao festival, detívose na parte musical do evento, que tamén abrangue os tres días. Para o venres pola noite Antía Otero e Yolanda Castaño están preparando un «recital sorpresa», que abrirá boca a actuación a seguir do cantautor madrileño Luis Pastor, unha das voces da Transición.

O sábado pola mañá, a programación acórdase dos nenos, coa actuación de Peter Punk Pallaso e o cartel máis roqueiro quedará a para a noite, na carpa instalada onde o Festival Internacional de Xardíns. Alí actuarán Folkólicos, A Compañía do Ruído e Raiba. O domingo, Cinta Adhesiva poñerá o ramo cun concerto poético, con música adaptada aos poemas de Silvia Penas.

A ampliación a tres días do Poemagosto dá para moito. Antonio Orihuela e David Castillo ofrecerán unha charla recital e presentarase o libro Hermano Asno. O xantar do sábado na Fundación Vicente Risco será o «punto de referencia para xuntar aos poetas co público», dixo Carlos da Aira. Un público que aínda é maioritariamente local pero no que se mestura de xente de fóra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Poemagosto acada a internacionalidade na súa cuarta edición