Os arquitectos reivindican a profesión na entrega dos premios do COAG

La Voz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Gallego Jorreto entregou o galardón de honra ao seu «vello amigo» Javier Suances

18 mar 2017 . Actualizado a las 10:25 h.

Non corren bos tempos para a arquitectura e para os arquitectos. Un colectivo que viu como moitos dos seus profesionais mellor formados tiveron que marchar de Galicia nos últimos anos e exercen o seu compromiso espallados polo mundo. Por iso a entrega dos premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) se converteu nun acto de reivindicación colectiva dunha profesión, dun compromiso co país e da importancia dun colectivo que leva aportado moitas cousas ao desenvolvemento de Galicia.

Na gala do Teatro Principal de Ourense déronse a coñecer os gañadores e entregáronse os premios do COAG.

Galardón para Allariz

Na categoría de Vivenda gañaron, ex aequo, os proxectos da cooperativa de vivendas Galeras Enterríos (Compostela) realizado por Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide e a proposta de unifamiliar en Cabana creada por Fernando Martínez López e Miguel Carballido Pensado.

Unha das actuacións premiadas foi para un arquitecto de Allariz, por unha obra desenvolvida na súa vila. En Rehabilitación elexiuse como mellor proxecto a Casa da Viña, intervención acometida por Juan Seara Oro -Seara Peleteiro Arquitectos-. As cabanas do barranco de Outes -de Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Túñez- e a reforma e ampliación do centro Down de Pedralonga -de José Luis Martínez Raído e Emilio Rodríguez Blanco- gañaron ex aequo en Equipamentos e Carlos Seoane levou o galardón polo mirador da Pedra da Rá en Deseño Urbano / Espazos Abertos. Un despacho de xeados de Baiona levouse o premio de Obras de Reforma e Interiorismo e a intervención de Martín Insua e José Barreiro nun barrio de Noia o de Baixo Custo. En Divulgación e Investigación o galardón foi para o documental de José Coira A Seara -centrado no tranballo dos arquitectos Jorge Gómez Cereijo, Alberte González, Manuel López Guitar e Jorge Salvador Fernández-.

Emotivo encontro

O COAG entregou o premio especial á traxectoria profesional a Xavier Suances. Nunha emotiva intervención Manuel Gallego Jorreto dixo que acudira a Ourense para entregar o galardón ao seu «vello amigo e compañeiro» de tantas inquedanzas e proxectos ao que definiu «con tres datos: talento, conciencia ética e crítica e fonda humanidade e calidade persoal». Xavier Suances agradeceu o recoñecemento dos seus compañeiros e amosouse honrado por un galardón único, por proceder do colectivo profesional. A gala dos premios do COAG foi presentada polo humorista David Amor e o decano, Antonio Maroño, incidiu na calidade dos proxectos a concurso.