«Queríamos unha historia galega e a de Romasanta pareceunos a mellor»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Santi M. Amil

A sala de escape de Ourense aposta por unha oferta lúdica a base de misterio

12 mar 2017 . Actualizado a las 21:59 h.

Manuel Blanco Romasanta (O Regueiro, Esgos, 1809 - Ceuta, 1863) pasou á historia como o home lobo de Allariz e figura como un caso singular nos anais dos psicópatas criminais do seu tempo. Confesou trece asasinatos e o seu estivo considerado o «único caso documentado de licantropía clínica», unha avaliación que co tempo se considerou totalmente errada, deixando o caso de Romasanta como o dunha persoa co perfil de asasino en serie.

A figura do home lobo de Allariz ten servido como base para varios proxectos ao longo da historia. Estudios de investigación, películas e outras iniciativas teñen como protagonista ao ourensán e en Allariz celebran dende hai anos unhas xornadas anuais sobre a súa figura. Ponencias científicas, traballos de investigación -como o que conseguiu demostrar onde vivira os seus últimos anos e onde morrera- ou concursos literarios son parte das iniciativas da convocatoria da Fundación Risco. E dende hai uns meses a vida e os crimes de Manuel Blanco Romasanta son o eixo fundamental da actividade da Sala Enigma, o primeiro espazo de escape da provincia de Ourense (Avenida de Bos Aires, 94).

David Quintana e Paula Pérez son os responsábeis do proxecto e o primeiro recoñece que para pór en marcha a Sala Enigma apostaron «por un proxecto centrado no sector da actividade de ocio para adultos, que vimos que era unha necesidade en Ourense porque non existía unha alternativa ás propostas de sempre, como ir ao cine ou algunha iniciativa tipo karts ou algo así». Viron que era un sector en auxe, sin presenza na cidade, e apostaron polo proxecto. Ao ser os dous de Allariz, o mesmo que a persoa que está no local para recibir aos grupos e xestionar a sala, o achegamento á historia de Romasanta apareceu como un camiño natural. «Queríamos falar dunha historia que tivera que ver con Galicia, e obviamente o seu caso e a relación con Allariz e o que alí sucedeu -xunto con todo o misterio que xira arredor da súa figura- pareceunos o mellor dos proxectos: tes investigacións, crimes, misterio e todo o necesario para atraer á xente», sinala David Quintana. A aposta pola ambientación foi forte e para a mesma contaron co asesoramento de Retha de Kock, do equipo gañador do Oscar ao mellor deseño de vestiario pola última entrega de Mad Max.

Ofertas para rapaces e idiomas

A sala ofrece «unha experiencia diferente» que consiste nun percorrido, calculado en 60 minutos e para grupos de tres ou catro persoas, no que o obxectivo é ir descifrando probas de lóxica e enxeño para poder avanzar nas diferentes estancias e conseguir saír da sala. «Hai xente que repite e veñen persoas de Pontevedra ou Santiago, porque alí hai outras salas de escape e temos boa relación entre nós e nos promocionamos uns aos outros», sinala Quintana. No espazo lúdico o público é maioritariamente adulto, aínda que se ofrecen moitas posibilidades e alternativas: para despedidas de solteiros, grupos familiares, un percorrido para cativos acompañados dun tutor ou mesmo para aprender idiomas -hai versións en castelán, galego e inglés-.

Os xogos e os percorridos irán mudando co tempo. A nova proposta xa se está elaborando. O seu contido non se pode adiantar. Obviamente é un enigma.