«Literalmente pódese dicir que antes había xente que morría por ser pobre»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Santi M. Amil

Roberto Fernández, sanitario en Allariz, realizou un traballo sobre os médicos rurais no século XX que lle valeu o premio Risco de Ciencias Sociais

08 feb 2017 . Actualizado a las 11:47 h.

O xurado do Premio Risco de Ciencias Sociais acordou conceder o galardón deste ano ao traballo Enfermos pobres, médicos tristes, do que é autor Roberto Fernández Álvarez. Á hora de dar conta da decisión, os membros do equipo que outorgou o premio valoraron «o tema centrado na figura do médico rural,

escasamente abordado na bibliografía antropolóxica e sociolóxica en Galiza, así como o tratamento desta figura, esencial, na sanidade do medio rural, como a personificación da ciencia no mundo das crenzas tradicionais sobre a enfermidade. Tamén a representación da autóritas respectada por ser a figura que personifica a saúde, sen esquecer que ademais aborda un interesante reflexo da sociedade rural e a súa evolución ao longo do século XX, antes da implantación do actual sistema de saúde». Roberto Fernández é médico en Allariz.

-Como naceu o proxecto que acadou o Premio Risco?

-Xurdiu hai uns anos da observación das historias que contaban os pacientes. En principio era curiosidade por ver que pasaba ou como era o traballo e a figura do médico rural na súa época, e logo foi xa cando se fixo de forma metodolóxica e abranguendo zonas de Ourense e do interior da provincia de Lugo. E logo abordouse a análise dos resultados.

-E cales foron as conclusións?

-Que houbo un retraso importante no que se refire aos medios dos que dispuñan os médicos rurais para atender ao paciente. E tamén había grandes dificultades na Galicia interior en canto ao acceso aos recursos médicos. De aí que se fale de enfermos pobres.

-A falta de recursos marcou a atención médica no rural galego?

-Hai moitos anos, o traballo abrangue o século XX, o que había era beneficiencia. Os médicos estaban pagados polos concellos e a súa misión era atender aos pobres. Pero había poucos pobres reais aos que atender. Explícome: para selo e ter dereito á atención médica debías estar recoñecido oficialmente como tal. Mais se tiñas unha pequena finca xa non podías figurar no censo de pobres, daquela a atención médica facíase inaccesíbel para esta xente porque tiña que pagala, e non había cartos para iso.

-Daquela cal era o resultado?

-Pois que moita xente morría por enfermidades comúns por non ter diñeiro para ir ao médico nin para mercar as medicinas. Literalmente pódese dicir que morrían por ser pobres.

-Non había entón ningunha alternativa?

-O panorama era ese: o médico estaba para atender aos pobres, gratis xa que para iso cobraba do Concello, e tamén a todo o mundo en xeral. Neste segundo caso de forma privada e cobrando. Daquela a xente sen recursos do rural tiñao moi difícil. E tamén había, todo hai que dicilo, cacidas e corruptelas para figurar no censo de pobres -que como era un termo que podía ferir sensibilidades se falaba de persoa «economicamente débil»-. A partir dos anos 50 foi cando empezou a Seguridade Social, e aínda así non figuraban os da agraria. Ata os anos 80 ou 90 non se universalizou de forma real a sanidade.

-Tamén había médicos de especial consideración nos pobos.

-Si. Eran realmente os chamados «médicos dos pobres»; que como sabían que os enfermos non tiñan diñeiro non lle cobraban aos veciños, e ata lle daban as medicinas gratis e algúns cartos. Os seus nomes están na memoria colectiva de toda Galicia por esa forma de actuar.

Profesión. Roberto Fernández Álvarez é médico do Centro de Saúde de Allariz.

Parteiras e médicos. No ano 2009 Fernández publicou na revista da Sociedad Española de Medicina General un traballo sobre a abstención obstrética rural no século XX.

Galardón. O sábado foi premiado co Vicente Risco de Ciencias Sociais.