Ourense reivindica protagonismo e legado na mostra «Galicia 100»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

santi m. amil

A provincia aporta once pezas ao proxecto de «obxectos para contar a historia»

20 jun 2016 . Actualizado a las 10:20 h.

Contar a historia do mundo en cen obxectos foi a proposta pioneira do British Museum. Aquela magnífica mostra, History of the World in 100 Objects (Historia

do mundo en cen obxectos), tivo logo continuidade noutras iniciativas -Fintan O’ Toole asina un artigo no catálogo referido á experiencia desenvolvida en Irlanda- e o Consello da Cultura Galega traballou durante os últimos anos para crear Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura. A exposición está aberta ao público actualmente no espazo cultural que Afundación ten na Praza de Cervantes, en Compostela.

Na publicación do proxecto -comisariado por Manuel Gago- o presidente da entidade organizadora, Ramón Villares, lembra que «Galicia en 100 obxectos se resume na idea de contar a cultura galega basicamente a través de obxectos» e que a experiencia é unha forma diferente «de renovar os modos de construir un relato de Galicia». A exposición inclúe dende un torque e unha estrela antropomórfica á bandeira das Irmandades da Fala ou o proxector de cine de Barriga Verde, pasando por elementos como un baúl de emigrante, unha cámara do fotógrafo Virxilio Viéitez ou unha máquina de coser Refrey, entre outros materiais.

A provincia de Ourense está representada en Galicia 100 por once pezas que foron aportadas tanto por institucións ou museos, como o Arqueolóxico ou o Etnolóxico de Ribadavia, como por particulares. E nalgúns casos son aportacións que chegaron dende fóra da comunidade.

A Tábula hospitalis de Castromao, a lápida de San Pedro de Rocas, o xadrez de cristal de San Rosendo, o foro de Caldelas, a Virxe abrideira das clarisas de Allariz, os autómatas do crego Domingo Martínez de Presa, o escudo heráldico do Colexio da Purísima de Ourense -copia do orixinario de Cornoces-, unha prensa para a elaboración do viño tostado do Ribeiro, o exemplar do Ulysses de James Joyce que pertenceu a Otero Pedrayo, a picaña coa que se encetaron as obras do túnel do Padornelo -a faraónica actuación que permitiu construir o tramo Puebla de Sanabria-Ourense e facilitar daquela a chegada do ferrocarril dende a meseta- e un televisor dun dos desaparecidos teleclubs -peza dunha colección privada- son os obxectos procedentes da provincia ou relacionados coa mesma. Nalgúns casos, como o do burgo de Castro Caldelas ou a picaña, a propiedade non é galega: o documento de 1228 forma parte do arquivo da Fundación Casa de Alba e a picaña -esquecida, abandoada e logo vendida no rastro de Madrid- está exposta na actualidade nun restaurante de Sanabria.

Na mostra tamén figura o coñecido Pelegrín, a figura creada polo ourensán Luis Carballo para o Xacobeo.