A elección do corrixidor de honra, unha homenaxe aos docentes

M. airas

ALLARIZ

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O exdirector do colexio público Padre Feijoo, de Allariz, é o corrixidor de honra da Festa do Boi 2016, segundo proposta da asociación cultural Xan de Arzúa.

Con esta elección, a organización quere agradecer a súa colaboración persoal coa festa, na que foi activo colaborador da procesión medieval interpretando ao párroco de Santiago.

Máis alá desa contribución particular, a elección de Corrixidor de Honra implica un recoñecemento ao propio colexio e a todos os docentes da vila que, dende hai anos, colaboran incorporando ao seu traballo a tradición medieval allaricense.

Xabier Saco, natural de Piñor de Cea, chegou a Allariz como mestre no curso 1990-91 e foi director dende 1992 ata a súa xubilación, en 2011. «Dende hai máis dunha década -explica a organización- o colexio de infantil e primaria é protagonista activo de numerosas actividades culturais e didácticas vinculadas coa festa, especialmente a través do programa O Boi na Escola, que promove a asociación Xan de Arzúa con actividades para todos os cursos, dende Infantil a sexto de Primaria». O centro educativo -indica a organización- «continúa sendo un importante baluarte no traballo cultural da Festa do Boi. A asociación valora moi especialmente a dedicación dos docentes e a súa implicación e esforzo para integrarse no contexto vital dos seus alumnos, aproveitando a realidade social como recurso pedagóxico, máis alá do que estritamente lles esixe a súa condición laboral. Como símbolo de recoñecemento, fai recaer en Xabier Saco o nomeamento de Corrixidor de Honra».

Esta figura foi constituída no ano 2010 para agradecer publicamente a colaboración coa festa de diferentes persoas. Ese primeiro ano o homenaxeado foi Antonio Nogueiras Camba e, en anos sucesivos, o nomeamento recaeu en Luis Nogueiras, Alberto Cid, Francisco Javier Feijoo, Herminio González e, no 2015, Maite Alamino.

Todos eles asumiron, en distintas etapas, unha parte importante do papel organizativo e, na maioría dos casos, aínda seguen facendo cada ano a súa contribución con distintos traballos.

O papel do Corrixidor de Honra é presidir, na tarde de hoxe, sábado, a Entrega do Sedeño, cun saúdo no que coloca nas mans do fiscal medieval a corda para que este, á súa vez, seguindo a tradición, lla dea aos homes do sedeño para iniciar a festa.

O exdirector do colexio público, Xabier Saco, aplaudindo na foto, é o Corrixidor de Honra FOTO p. prol