A provincia mantén o legado dos referentes da historia galega

ALLARIZ

MIGUEL VILLAR

As entidades vencelladas ás figuras de Risco, Otero Pedrayo e Curros son as máis activas ao longo do ano

19 dic 2015 . Actualizado a las 12:15 h.

Nun acto na Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas o daquela presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, dirixíase aos participantes na convocatoria lembrándolle que se atopaban «nunha das casas da memoria que hai espalladas por toda Galicia», espazos chamados a manter vivo o legado de persoeiros da vida cultural e da historia galega. Unha realidade, a das fundacións culturais, que está vencellada de xeito destacado na provincia de Ourense ás figuras que participaron na Xeracións Nós ou a creadores que marcaron unha etapa e unha época na sociedade do seu tempo, caso de Manuel Curros Enríquez.

A realidade das entidades adscritas a este sector é case que tan complexa como fundacións hai e na provincia son tres a que desenvolven unha actividade periódica, sendo o caso da Fundación Vicente Risco de Allariz o máis paradigmático.

Auténtico axente cultural

A alaricana constitúe un caso singular dentro do panorama galego. Xunto a propostas ou iniciativas que teñen continunidade no tempo -dende as xornadas sobre Romasanta aos premios cos nomes de Antón e Vicente Risco, pasando polo grupo de música de cámara residente- a fundación ten unha ou varias actividades todas as semanas e acolle durante todo o ano exposicións de arte na pranta baixa da súa sede de Allariz. Os proxectos e intercambios con colectivos, cámaras, universidades e outras entidades de Portugal son unha constante no traballo que desenvolven.

Pola Casa Grande de Cimadevila, sede da Otero Pedrayo, pasan cada ano entre 2.500 e 3.000 persoas. A entrega do Premio Trasalba, o último domingo de xuño, fai do lugar o punto de encontro para a coñecida como a «festa da cultura galega». O seu obxectivo prioritario é amosar ao público que se achega ata Trasalba o que foi o espazo vital e onde Ramón Otero Pedrayo desenvolveu unha parte importante da súa vida. Organizan obradoiros, convocan roteiros culturais e acuden os rapaces cada ano para celebrar o Día de Europa. Hai unhas semanas acolleu a un cento de profesores que logo pasaron por Ourense e Allariz.

A Casa dos Poetas é un dos espazos aos que viaxan centros escolares de toda Galicia

O caso de Celanova representa unha singularidade dentro do panorama das fundacións existentes en Galicia. A casa natal de Manuel Curros Enríquez acolle a fundación que leva o seu nome, aínda que ao espazo cultural se lle ten dado unha dimensión moito máis ampla coa denominación de «Casa dos poetas», engadindo daquela referencias a outros escritores sobranceiros que ten dado a vila, de xeito especial Celso Emilio Ferreiro.

Ao longo do ano pasan pola fundación milleiros de escolares de toda Galicia, nun programa promovido dende Celanova que conta co apoio da Xunta, e ademais a casa promove de xeito regular obradoiros de todo tipo, actividades para nenos, talleres de arqueoloxía, propostas organizadas dende o curso audiovisual que se celebra no verán na vila, iniciativas en colaboración co colectivo de comerciantes e outras citas. O Premio Celanova, Casa dos Poetas é unha das convocatorias máis prestixiosas da comunidade e neste ano convocouse a primera edición dun galardón para xornalistas, o Premio Adiante.

Por desenvolver

Non todas as fundacións culturais existentes na provincia de Ourense manteñen uns niveis de actividade semellante aos que se rexistran ao longo do ano nas que levan o nome de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Curros Enríquez. Hai outras que teñen unha actividade máis simbólica ou que, nalgún caso, non existe unha proxección das mesmas como tales.

Boborás e O Carballiño crearon no seu día a Fundación Losada Diéguez, aínda que non desenvolve actividades propias como tal -coa excepción de promover no seu día un intercambio cultural con Irlanda- e a única cita coa que está implicada de forma periódica é o premio anual que leva o nome do autor. A Casdemiro, ligada á figura de Ogando Vázquez, ten un funcionamento testimonial.

Unha das entidades que amosou unha importante proxección cando se creou, polas expectativas xeradas ao redor, foi a creada para manter ao legado dos artistas Xaime Quessada e Jaime Quesada Blanco. As opcións baralladas para dotala de sede non se materializaron e aínda se está á espera.

Colaboracións puntuais

Un apartado singular é o das entidades sobre figuras ourensáns que non teñen a súa sede na provincia, aínda que si promoven ou participan en citas puntuais. É o caso das fundacións Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro e Alexandre Bóveda. A primeira fai o curso audiovisual de Celanova e a última organiza a homenaxe anual ao galeguista.

Cartelle promoverá unha centrada no director Carlos Velo

Hai anos que o Concello de Cartelle traballa na creación dunha fundación sobre a figura de Carlos Velo. A institución municipal mercou fai tempo a casa natal do director cinematográfico e a alcaldesa, Carmen Leyte, anunciaba no OUFF 2015 a próxima constitución do padroado que levará a termo o proxecto. De cumprirse as previsións, quedará legalmente consituida no 2016.