Arturo Lezcano reivindica a figura e a obra do profesor Antón Risco

Unha publicación editada pola Deputación lembra ao intelectual

Arturo Lezcano, á dereita, presentou a obra xunto a José Manuel Baltar e Luís Martínez-Risco.
Arturo Lezcano, á dereita, presentou a obra xunto a José Manuel Baltar e Luís Martínez-Risco.

Antón Risco (Allariz, 1926 - Vigo, 1998) foi unha figura senlleira que desenvolveu unha importante carreira profesional como docente en Canadá, como escritor -especializado en literatura fantástica- e como autor de ensaios. Aínda que, como soe acontecer en casos semellantes, a presenza dun intelectual como o seu pai, Vicente Risco, puido influir no feito de que Galicia non coñecese abondo o sus traballo e non fose obxecto da consideración que merecía.

Unha obra promovida pola Fundación Risco e editada pola Deputación de Ourense -Antón Risco, con nome propio- reivindica ao autor e foi presentada onte polo seu autor, Arturo Lezcano, o presidente da entidade provincial, José Manuel Baltar e Luís Martínez-Risco, vicepresidente da Fundación Risco.

Lezcano sinalou na presentación do seu traballo que o obxectivo do mesmo «é que a xente coñeza a verdadeira fondura e importancia da obra de Antón Risco, tendo como fío condutor as vivencias de case cincuenta anos da amizade que mantiven con el». Lezcano subliñou o amor de Antón pola súa provincia «da que dicía: ?Ourense ten espírito fino?, referíndose a que, a pesares dos problemas e das crises, a xente da nosa terra sempre aboia».

Xunto coas súas vivencias, recordos e conversas mantidas co desaparecido profesor e escritor, Lezcano aporta testemuñas e colaboracións de xente que tivo relación con Antón Risco: a súa dona, o profesor Franklin García, a súa irmá María Xesús Risco -presidenta da fundación-, Francisco Xavier Charlín Pérez e o xornalista Camilo Franco. Lembrou o autor do traballo que o escritor mantivera unha fonda amizade con Valente e Virxilio, xa falecidos, e que na publicación incorporou testemuñas de Julio López Cid e José Eduardo Valenzuela, quenes tamén foron amigos do lembrado profesor e escritor.

Na presentación do libro Antón Risco, con nome propio o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, lembrou que hai escasos días que se cumpriu o dezasete aniversario da morte do escritor e que o apelido Risco «é clave na historia de Ourense e na súa universalidade. Por iso coincidindo con este 17 aniversario do seu pasamento a Deputación e a Fundación Risco presentamos este libro que nos amosa dende diferentes perspectivas a obra e a traxectoria vital de Antón Risco como profesor, emigrante, amigo dos seus amigos e literato». Amosouse convencido ademais de que «temos a obriga de seguir poñendo en valor o apelido Risco, unido aos nomes de Vicente e Antón porque con eles difundimos tamén a esencia, a personalidade e a historia da provincia». Baltar definiu como «alianza estratéxica» a colaboración que mantén a institución coa Fundación Risco e anunciou a próxima edición doutros proxectos conxuntos.

Luís Martínez-Risco salientou a gran aportación de Arturo Lezcano co seu traballo «xa que moitas veces Antón Risco queda como agochado pola figura do seu pai e ten un lugar propio como especialista e creador de literatura fantástica».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Arturo Lezcano reivindica a figura e a obra do profesor Antón Risco