A biodiversidade no lixo

XOSÉ SANTOS

ALLARIZ

NA FRAGA | O |

12 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

UN cedro en Xinzo, un abeto en Celanova, unha thuya en Allariz, unha pseodotsuga en Ourense...son só unha pequena escolma das árbores que «decoraron» nas pasadas datas de Nadal as prazas das nosas vilas, un exemplo da diversidade da foresta provincial e un ano máis demostración de insensibilidade medioambiental e mal exemplo educativo. Dentro do Plan Estratéxico de Ourense un dos proxectos dinamizadores propostos, para conseguir un medio rural moderno e de futuro, con calidade de vida é a creación dun «Jardín Botánico Exótico» como atracción turística no contorno de Pena Corneira. Contradicións institucionais: por unha banda cortan o patrimonio arbóreo consolidado e por outra queren crear con fondos públicos un «ecosistema exótico» en Pena Corneira, onde as canteiras están estragando impunemente un dos poucos espacios naturais con que contamos. ¿Ulo desenvolvemento sostible da provincia? Seguimos a despreciar o propio e intentando crear o imposible. ¿Sobra verde? A metade dos bosques orixinais do planeta desapareceron o outro 30% están degradados, na Terra só se prantan dous por cada 10 árbores queimados ou cortados. No ano que acaba de rematar en Ourense o lume calcinou máis de 20.000 hectáreas. É doado amar a Natureza en abstracto ou en áreas xeográficas difusas ou cando non implique molestias nos usos que dela facemos. As nosas institucións públicas lavan a súa conciencia hipócritamente coa celebración en días sinalados de actos de exaltación do patrimonio natural, mentras estes días parte da nosa biodiversidade acaba tirada no lixo.