Valdeorras achégase ao final do ano de Florencio coas Xornadas Florenciófilas

La Voz O BARCO

A RÚA

A escultura de madeira de Florencio Delgado Gurriarán feita por Anxo Baranga
A escultura de madeira de Florencio Delgado Gurriarán feita por Anxo Baranga AGOSTIÑO IGLESIAS

Doce investigadores e personalidades da cultura galega participarán nas actividades, que serán do 18 ao 20 de novembro 

17 nov 2022 . Actualizado a las 12:29 h.

O 2022, o ano de Florencio Delgado Gurriarán, o protagonista do Día das Letras, está chegando á súa fin. E desde o proxecto As Letras de Florencio, que impulsou a candidatura do poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) ante a Real Academia Galega, queren espremelo ata o final. Por iso veñen de anunciar as Xornadas Florenciófolas, que se levarán a cabo entre os días 18 e 20 deste mes en catro puntos de comarca de Valdeorras: A Rúa, Petín, O Barco e Rubiá. Doce expertos en lingua e literatura, investigación histórica e artes protagonizarán catro mesas redondas que terán un formato pensado para o coloquio. «O obxectivo destas xornadas é facer balance do lugar que ocupa agora a obra e vida de Florencio dentro da cultura galega», en palabras de Débora Álvarez, directora do proxecto.

Estas Xornadas Florenciófilas faranse en catro municipios da comarca: A Rúa, Petín, O Barco e Rubiá. O programa arranca o venres ás 20.00 horas no centro cultural Avenida da Rúa, cunha mesa literaria na que estarán Víctor Freixanes, presidente da RAG, Xesús Alonso Montero e Ramón Pena, autores os dous últimos de dúas antoloxías sobre Florencio publicadas este ano. O sábado comezará coa mesa da historia, ás doce no teleclube de Petín, na que Aurora Marco falará da posguerra e a represión en Valdeorras e Telmo González e Camilo Valdehorras do exilio en México. Ese mesmo día, as sete da tarde, celebrarase unha mesa da lingua na Casa do Río Cigüeño do Barco. Neste caso intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a lingüísta vianesa Concepción Álvarez e o investigador barquense Francisco Cobo. As xornadas pecharanse o domingo cunha mesa das artes na que estarán creadores que teñen adaptado a Florencio a diferentes formatos e soportes como o teatro, o audiovisual e a música. Son Domingo D. Docampo, Ramiro Núñez e Raquel Queizás. Para esta última sesión apostouse por rodear o encontro de natureza e farase no centro de interpretación do parque natural Serra da Enciña da Lastra, en Biobra (Rubiá).

A asistencia a todos os actos é libre ata completar aforo e tras os coloquios ofrecerase un aperitivo cunha degustación de produtos gastronómicos de Valdeorras.