Cristina de la Torre, guionista e realizadora: «O que me gusta é contar historias»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

A RÚA

Cristina de la Torre, coa placa que dará o seu nome a unha butaca do cine do Barco
Cristina de la Torre, coa placa que dará o seu nome a unha butaca do cine do Barco ALEJANDRO CAMBA

A ruesa recibe unha butaca na semana de cine do Barco pola súa implicación na difusión das películas feitas en Valdeorras

26 ago 2022 . Actualizado a las 08:37 h.

Estaba traballando en Tele20 Chantada cando na Rúa de Valdeorras estalou a polémica pola instalación da entón chamada Rieter Saifa, unha empresa de fabricación de pezas para vehículos. Convocouse unha manifestación cidadá e entón Cristina de la Torre (A Rúa, 1977) acendeu unha cámara por primeira vez. Era o 2005. «Pensei que había que facer un documental, non pensei en facer unha reportaxe senón en contalo con imaxes», recorda De la Torre sobre como ao traballo de xornalista (ata entón redactaba noticias e contábaas por televisión) se sumaron as facetas de realizadora e guionista. Dous anos despois vía a luz Apartado 12, o seu primeiro documental.

«Gústame escribir o guión, facer entrevistas... e editar, porque segundo o vas facendo vas creando o discurso, como na escrita», relata. E engade: «Pero fago de todo». Non é que sexa unha todoterreo, que si que o é; senón que é o que hai. «A crise do 2010-2011 cambiou o paradigma. Abaratouse a tecnoloxía e xurdiron as plataformas de internet. Houbo unha democratización porque tes máis posibilidades de difundir o traballo, pero precario. Nun proxecto ortodoxo no que podían traballar 30 persoas agora es ti soa, cunha cámara e un micro, que o fas todo», di. E como ademais de facer arte hai que vivir, chegar a fin de mes e pagar facturas, De la Torre diversificou o que fai, e abrangue desde rodar documentais a escribir ou facer xestión cultural. «O que me gusta é contar historias, dáme igual que sexa cun documental, nunha película ou cun obradoiro para pequenos», engade.

Nesas estaba cando se topou coa historia de Santoalla, o crime do holandés de Petín. Unha película dirixida polos norteamericanos Andrew Becker e Daniel Mehrer que naceu cando Martin Verfondern estaba desaparecido e que inclúe as imaxes da súa viúva, Margo Pool, enterrándoo no cemiterio da aldea. «Dedicámoslle cinco anos das nosas vidas», relata a que foi directora de produción. Moito tempo para un proxecto moi persoal, «deses que pódese encontrar dúas ou tres veces na vida». Di que agora ten moitas outras ideas de cousas que contar, «pero teño que vivir», di con pragmatismo e fuxindo do lamento. Por iso pon a súa paixón nos proxectos que fai por encarga. «Implícome coma se foran propios», di. E cita entón unha serie de vídeos para o Consello da Cultura Galega sobre o idioma, un traballo que ten entre mans sobre filósofas, e outro sobre as covas de Valdeorras... «Dáme igual que sexan proxectos para redes, congresos ou pequenos festivais e non para cine», sinala. Encargos que pode abordar en solitario con apoios puntuais doutros profesionais. E insiste de novo: «O que me interesa é contar historias». E iso é o que fai. Recoñece, en todo caso, «que ata o momento non volvín tropezar cunha tan potente como a de Santoalla. Non teño un gran proxecto de cine en mente».

Cóntao a unhas horas de ser homenaxeada (20.00 horas) na semana de cine do Barco, que organiza o cineclub Groucho Marx. O seu presidente, José María Rodríguez, di que De la Torre ten sobrados méritos para compartir butaca a homenaxe inclúe poñer o seu nome a un dos asentos do teatro Lauro Olmo, que é tamén sala de cine con Chano Piñeiro, Xacio Baños, Anxo Santomil ou Luis Nogueira, entre outros. Destaca Rodríguez sobre todo un, o proxecto Versión Valdeorras, que impulsou durante o confinamento e que consistiu na proxección en rede de películas vinculadas coa comarca. «Lo merece sobre todo por su trabajo para difundir el cine de Valdeorras», di. De la Torre asegura que foi «xenial e emocionante» ver como a xente se conectaba para as charlas arredor de cada proxección, e, sobre todo, o moito que se reproduciron as películas; aínda que lamenta que despois, cando volvemos saír á rúa, «ninguén me comentou nada, en plan, ‘vin esta película ou esta outra’». E iso que algunha tivo máis de 3.000 visualizacións. Entre elas estivo Santoalla, que se estreou en Valdeorras «polo empeño de José María; e foi un acerto porque veu moita xente vela», di Cristina. Hoxe poderá verse de novo en pantalla grande no cine do Barco.