A derradeira vontade de Rodolfo Prada cúmprese e os seus restos descansarán en Galicia

La Voz OURENSE / LA VOZ

A PEROXA

MIGUEL VILLAR

As cinzas do galeguista dos Peares foron entregadas onte na Deputación de Ourense

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A derradeira vontade de Rodolfo Prada Chamocín (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980) era volver a Galicia. Mais non á da ditadura e da falta de liberdades, senón a unha terra que vivise nun tempo democrático e cun goberno de seu. Lembrouno a súa neta, María Elena Prada, cando hai uns días se inaugurou o monumento na súa memoria fronte á casa natal. Demandaba daquela a neta do galeguista -amigo de Castelao, editor do Sempre en Galiza e albacea do rianxeiro- o apoio da Xunta e da Deputación para cumprir o desexo do seu avó agora que se dan as condicións que el desexaba.

E os restos de Rodolfo Prada foron recibidos onte na Deputación de Ourense nun acto solemne. O presidente do PEN Clube Galicia, Luís González Tosar, foi o responsable de traelos dende Arxentina e onte fixo entrega dos mesmos ao organismo provincial. José Manuel Baltar Blanco calificou de «xornada histórica» a volta de Rodolfo Prada «a unha Galicia cun goberno de seu».