Os Peares reivindica o legado dun galeguista histórico

La Voz OURENSE / LA VOZ

A PEROXA

Alberte Paz Garza

Rodolfo Prada Chamocín foi amigo de Castelao e grazas a el publicouse o libro «Sempre en Galicia»

04 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas chamadas a desenvolver importantes iniciativas e proxectos, a promover actividades e propostas que pasan á historia e que, as máis das veces, non teñen en vida un recoñecemento acorde cos seus méritos. Aínda que, tamén nalgunhas ocasións, co paso do tempo se fai xustiza con aqueles que xogaron un papel destacado na historia. Un destes persoeiros foi Rodolfo Prada Chamocín (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980) e a Deputación de Ourense decidiu o pasado ano honrar anualmente a memoria do que foi, entre outras moitas cousas, albacea de Castelao e herdeiro universal da súa dona Virxinia á morte desta.

Na sede do Consorcio dos Peares lembrouse onte ao home que formara parte das Irmandades da Fala dende o ano 1918 e que fora un dos fundadores do Partido Galeguista (PG) en 1931. Prada Chamocín desenvolveu unimportante traballo como dinamizador cultural e político na emigración. Foi membro do colectivo Galeuzca -formado por galeguistas de Galiza, Euskadi e Cataluña- e xogou un papel determinante para que Castelao rematase asentándose en Bos Aires. Fundador e ideólogo da Irmandade Galega, Rodolfo Prada foi creando núcleos galeguistas da Irmandade -acompañado por Castelao- no seu percorrido por Uruguai, Chile, Perú, Brasil, Venezuela, Colombia, México, Estados Unidos, Cuba e Santo Domingo, entre outros países.

Xunto coa súa faceta política, o nome do dos Peares chegou a soar como un posible presidente da preautonomía de Galiza -aínda que para aquela a súa enfermidade desbotou calquera posibilidade-, Prada Chamocín estivo á fronte de revistas e xornais en Bos Aires e foi presidente do Centro Gallego de Buenos Aires. Os ourensán foi o encargado de preparar As cruces de pedra, de Castelao, e foi o promotor da edición de Sempre en Galicia, a obra cimeira do rianxeiro.

 

 

 

«Un inmenso honor»

Na homenaxe que a Deputación lle tributou ao galeguista participou a súa neta María Soledad Prada. Residente en Chile, a «del medio» das tres netas de Prada Chamocín, está de visita por Galiza. Logo de participar no acto recoñecía a súa satisfacción: «Para mí y para toda la familia es un inmenso honor y un orgullo que me llevaré a mi tierra. Que reconozcan el trabajo desarrollado por mi abuelo en su lugar de origen es algo que nos emociona especialmente y que agradecemos de manera especial».