«Non me prodiguei moito, para min a poesía sempre foi unha afección»

Edelmiro Vázquez exerceu como docente de Matemáticas no instituto do Posío máis de 32 anos


ourense / la voz

Escóitanse berros na rúa. Os mozos expresan o seu rexeitamento á Lomce e Edelmiro Vázquez Naval, que hai seis anos deixou as aulas do Otero Pedrayo, reflexiona sobre a realidade que viviu nos seus moitos anos de docencia. Logo de licenciarse, e mentres preparaba a oposición, comezou a impartir clases de Matemáticas na privada -Maristas e santo Ángel- e unha vez acadada a praza botou un ano en Ponteareas e despois veu para o instituto do Posío. Durante algún tempo compaxinou esta responsabilidade coa faceta de profesor asociado no Campus de Ourense -recoñece que a Estatística, especialidade que impartiu na Universidade, sempre se lle diu ben-.

«As cousas foron cambiando moito neste tempo. O cal é o seu nun caso como o meu, no que botas máis de 32 anos vencellado ao ensino. E fixoo en todos os aspectos. Antes tiñas uns grupos máis homoxéneos e nun COU, o que hoxe é 2º de Bacharelato, podías dar todo o temario sen problemas. Nos últimos tempos os cursos xa non eran moi homoxéneos, e os contidos tamén se foron reducindo. Pasou o mesmo cos exames, ao mellor antes tiñas que saber un teorema e desenvolvelo na súa totalidade e ao mellor agora chega con coñecelo e poñer o enunciado», reflexiona Vázquez Naval ao tempo que se reafirma no convencemento de que se fai necesario un pacto sobre a Educación para fixar uns criterios e alonxar ese debate da política. Iso, remataría coas situacións polémicas que cada certo tempo se viven no sector. A da Lomce só é unha máis das rexistradas nestes anos.

Recoñece Vázquez Naval que gozou coa docencia e co ambiente do Otero Pedrayo. «No departamento de Matemáticas sempre houbo un gran nivel e excelentes compañeiros. E no instituto fixen grandes amigos: o desaparecido Manuel de Dios, Arturo Fernández e moitos outros».

Escritor serodio

Nestes anos de xubilación voltou á súa grande paixón, a lectura, e mesmo atopou tempo para mergullarse nalgunha biblioteca da cidade para recuperar poemas que foi deixando espallados en varias revistas cando mozo. Como moitos dos rapaces do seu tempo, Edelmiro Vázquez Naval (Toubes, A Peroxa, 1949) botou seis anos estudando no Seminario e completou a súa formación no instituto Blanco Amor -«alí fixen 6º de Bacharelato e PREU»-. A súa faceta literaria mudou daquela cara ás ciencias e meteuse de cheo no mundo das matemáticas.

Non deixou o labor creativo, aínda que non se significou moito á hora de publicar. Recoñece a súa devoción vital por Lorca e por Neruda, polos escritores da Xeración do 27 e por autores como Borges, César Vallejo, Octavio Paz, o seu amigo Víctor Campio e algúns outros. Vázquez Naval foi escritor serodio e nunca se meteu presa para editar. En 1988 gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra

As voces da saudade

. Anos despois, en 1996, saiu

O rito do regreso

, e no 2010

Luces de noutrora

-colección Espiral Maior de Poesía-. Entre outros, os eloxios da crítica na súa última entrega chegaron da man de Xesús Alonso Montero. «Non me prodiguei moito porque para min a poesía sempre foi unha afección, iso tíveno claro en todos estos anos, e tampouco creo que haxa que ter moitos títulos», apunta Vázquez Naval.

As horas de lectura na súa biblioteca, a recuperada paixón poética -ten dúas obras para publicar-, os netos e a tertulia cos amigos son as súas principais ocupacións. No encontro diario a última hora da mañá, nunha cafetería ao pé da casa, conversan Víctor Campio, Ramón Area, Xaquín Vales, Edelmiro Vázquez Naval, Marisa Calvo e outros amigos.

Da vella paixón do Seminario e os premios nos concursos ás novas entregas poéticas

Dos arquivos da Biblioteca da Deputación foi recuperando pezas como a revista Miña Fala e moitos episodios que volveron dos espazos da memoria. «Publicaba a mesma Luis Álvarez Pousa e no Seminario coincidiron naqueles anos amigos que logo remataron no xornalismo en varios medios de Galicia: Pousa, Alfredo Vara e Juan Salgado». Na publicación aparecían as súas creacións -lembra especialmente Seré tu caracola, escrita logo do pasamento da súa nai- e xunto con outro compañeiro, xa desaparecido, chamábanse «Los nuevos Lorca». En dúas ocasións acadou o segundo posto nos Premios Minerva, e nas reseñas do concurso galego aparece xunto a outros nomes que xa forman parte da historia da literatura -Xesús Rábade Paredes, Rei Ballesteros ou Darío Xoán Cabana, entre outros-. «Ata os 19 ou 20 anos disfrutei moito lendo e escribindo», recoñece. Xa de volta na poesía, está pendente de editar Soidades vespertinas, antoloxía na que volve sobre as tres entregas anteriores, e un novo libro cuxo título provisional é Tempos pasaxeiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Non me prodiguei moito, para min a poesía sempre foi unha afección»