Os Peares énchese de andoriñas

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

A PEROXA

Oito murais de tres artistas suavizan a difícil paisaxe arquitectónica da localidade

05 nov 2016 . Actualizado a las 22:29 h.

«Viñamos de pintar en Vigo e o contraste foi brutal». Nin Xoana Almar nin Miguel Peralta estiveran antes nos Peares, a localidade dividida entre catro municipios e dúas provincias na que se unen a Ribeira Sacra do Miño e a do Sil. O consorcio de turismo elixiunos a eles e a Doa Ocampo para materializar o proxecto de suavizar a base de murais a difícil paisaxe urbana dos Peares.

Os tres traballaron durante o verán e o resultado xa se pode ver. Oito edificios coa fachada sen recebar ou coa pintura moi desgastada locen agora diferentes deseños. Os sete asinados por Xoana Almar e Miguel Peralta, integrantes da cooperativa artística Cestola na Cachola, son sede en Lalín, teñen nas andoriñas un elemento común.

«Miguel e eu -conta Xoana Almar- decidimos traballar o tema do ferrocarril». O argumento non é malo, porque Os Peares medrou arredor da estrada que atravesa a desembocadura do Sil no Miño para comunicar Monforte e Ourense, pero sobre todo grazas á vía do tren que segue o mesmo camiño. Ademais, a maior parte dos edificios ofrecidos polos veciños para que os pintasen están nas cercanías da vella estación ferroviaria local.