Ourense reivindica o legado galeguista de Rodolfo Prada

x. m. r. LA VOZ / OURENSE

A PEROXA

Alberte Paz Garza|Alberte Paz

Natural de Os Peares e emigrante en Bos Aires, foi albacea de Castelao e editou o «Sempre en Galiza»

04 nov 2016 . Actualizado a las 11:40 h.

Nunha vella foto tirada en Bos Aires, poñamos que é 1944, aparecen os participantes dun xantar de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Na imaxe en branco e negro, unha icona da memoria histórica e da cultura galega, aparece Castelao recibindo un libro do que lle fai entrega un home que está ao pé do micrófono. Nun recanto á beira dos comensais, testigo mudo e sempre presente, o busto dun ourensán ilustre: o mártir Alexandre Bóveda. O momento histórico non é outro que o acto no que o ourensán Rodolfo Prada Chamocín lle fai entrega a Castelao da edición príncipe da obra que marcará para sempre a historia dunha nación: o libro Sempre en Galiza.

A Rodolfo Prada Chamocín (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980) reivindicárono onte na súa terra, no Consorcio dos Peares, nun acto organizado pola Deputación de Ourense. A iniciativa partiu de Luís González Tosar e foi prantexada na reunión do xurado do Premio Ourensanía. O poeta e presidente do Pen Clube Galicia propuxo a alternativa de que o galardón contemplase a posibilidade de reivindicar a memoria, o legado e a figura de ourensáns que se distinguiron no pasado, e que xa non serán obxecto de entrega do premio ao ter falecido. Recollendo a demanda, a Deputación de Ourense organizou o acto de homenaxe en Os Peares, onde dende hai anos existe unha asociación cultural que leva o nome do homenaxeado.

Rodolfo Prada Chamocín emigrou a Arxentina e en 1919 fundou, xunto a outros compañeiros, a Asociación Protectora da Real Academia Galega. Foi secretario da Casa de Galicia, creou e dirixiu a revista Acción Gallega, foi redactor xefe e copropietario do Correo de Galicia, membro do Centro Orensano e presidente do Centro Galego de Bos Aires, entre outros moitos cargos e responsabilidades. Da súa amizade con Castelao dá conta o feito de ter sido o albacea do rianxeiro e a persoa a quen lle confiou a edición da súa obra cimeira. Ediciones As Burgas-Centro Orensano de Buenos Aires foi quen tirou do prelo por vez primeira o Sempre en Galiza.

No acto de Os Peares, Luís González Tosar, referiuse a Prada Chamocín como «un combatente da palabra» e á súa condición de «referente do galeguismo e artífice de unir ás asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires». Salientou a súa implicación co Partido Galeguista e o seu activismo cultural. Francisco González, presidente do colectivo que leva o nome do homenaxeado, sinalou que Rodolfo Prada «foi un símbolo para Os Peares e un dos galeguistas ilustres».