«Ás veces cústame non intervir nos plenos, téñome que reprimir»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

A MEZQUITA

Agostiño Iglesias

O ex alcalde de Allariz, Francisco García, incorporouse ao seu posto de secretario de Concello na Mezquita

29 sep 2018 . Actualizado a las 13:42 h.

Hai máis de tres meses que, de forma oficial, deixou de ser alcalde de Allariz, aínda que a decisión estaba tomada e asumida dende hai moito máis tempo. Francisco García iniciou unha nova etapa da súa vida -tras vinte como rexedor alaricano polo BNG- regresando ao punto de inicio, o seu posto como secretario de Concello na Mezquita. Está relaxado e o primeiro que agradece é ter moito máis tempo libre, a pesar de que todos os días conduza case unha hora para acudir ao seu traballo e regresar a súa casa. «Cando saio de Allariz para A Mezquita dáme a sensación que vou de viaxe, que estou de vacacións. Gústame conducir e non é un problema», afirma. O seu coche dá conta: marca máis de 600.000 quilómetros. Paco, como lle gusta que lle chamen (aínda que a algún despistado se lle escape ‘alcalde’), subraia que non se pode deixar de ser rexedor dun día para outro. Si oficialmente, pero non na cabeza, aínda que ten claro que non quere e non lle corresponde interferir. Segue, sen embargo, interesado na política e colaborando con moitos proxectos que se levan a cabo en Allariz, como son o festival de Xardíns ou os proxectos coa carne de boi. E xa tivo a ocasión de acudir a algún pleno na vila de público. Na terceira fila, di. Demasiado cerca: «Ás veces cústame non intervir nos plenos. Téñome que reprimir», comenta entre risas, tomando un café relaxado nun bar mesquités que sobrevive no municipio e que se atopa fronte á Casa do Concello. Mira ós lados e non pode evitar pensar que as rúas de A Mezquita poderían ter outra faciana. Dá a sensación de que ten novas ideas para pór en marcha, que queda algo, moito, da concepción de Allariz como vila na súa cabeza. E así é. A boa sintonía co alcalde, tamén do BNG, fai que formen, afirma, un bo tándem. E, aínda que non quere avanzar moitas ideas, di que xa aproveitou as sinerxias e falou con xente de Allariz para ver as posibilidades de facer algo diferente. Ao marxe do seu traballo, Francisco García xa sinte o relax de ter tardes libres. Aínda que quedan seis anos para a xubilación afirma: «Con máis razón defendo o meu traballo e quero presumir da miña actividade aquí. Gústame ser o primeiro da clase».

«Todo está como hai vinte anos. Os mesmos mobles e os mesmos cadros»

Unha das ventaxas, asegura Francisco García, que tivo á hora de regresar a súa actividade é que non varía moito do que estivo facendo nos últimos anos, traballando para á Administración local. O de pórse ao día é case un traballo feito. Ademais, no seu caso, afirma con sorna «todo está como hai vinte anos. Os mesmos mobles e os mesmos cadros». Un deles, unha reprodución dunha obra de Quessada, algo mais descolorida polo sol que entra pola fiestra do seu despacho de secretario de Concello. Sobre a mesa ten moitos papeis, temas esenciais do Concello de A Mezquita que xa tivo que ordear. E saber que ó seu lado, como alcalde, hai un home do BNG non fai variar o seu traballo, pero... «O primeiro día sentín a curiosidade dos funcionarios. Fixen o traspaso de poderes co anterior secretario», relata. E non hai descanso nin aburrimento xa que nunha localidade como A Mezquita o secretario, afirma, é o home para todo: «Non deixa de ser case unha consultoría. Moitos veciños pregúntanme que fago desto, que fago do outro...». E, claro, o regreso á que foi unha das primeiras casas laborais non pode ir exenta de recordos. «Volves reencontrarte coa xente, coa que non vías dende hai tempo e con eles falas de anécdotas. E tamén recordas aos que xa non están», di.

Francisco García iniciou unha nova etapa vital e aínda que moitos pensen que simplemente cubrirá os anos ata a súa xubilación, non é así. Nótase que ten ganas de trasladar, dalgún xeito, á A Mezquita, aquelas cousas que lle fixeron estar durante vinte anos como alcalde na vila de Allariz. O alcalde, Rafael Pérez, tamén está contento. Nótase e agradece que Francisco García estea ao seu carón. Case porta con porta. «Para min sempre foi un referente e agora está con nós», di.