Manuel Outomuro agradece o premio Ourensanía por ser «da miña terra»

La Voz

A MERCA

Alberte Paz

O prestixioso fotógrafo orixinario de A Merca foi recibido polo presidente da Deputación de Ourense

01 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada semana o xurado encargado de conceder o premio Ourensanía acordaba, por unanimidade, recoñecer con esta distinción ao fotógrafo Manuel Outomuro (A Merca, 1949). Profesional de recoñecido prestixio e cunha grande proxección internacional, Outomuro ten desenvolvido a súa carreira artística en Barcelona e está considerado dende hai décadas un referente en sectores como os da moda ou a cultura, entre outros.

O destinatario do premio Ourensanía 2022, que será entregado o 11 de novembro en Ourense, foi recibido este mércores polo presidente da institución provincial, José Manuel Baltar Blanco. Na reunión celebrada no pazo provincial estivo presente a xornalista Maribel Outeiriño. Ámbolos dous, Baltar e Outeiriño, forman parte do xurado que cada ano escolle á persoa ou institución á que se recoñece co galardón. 

Baltar Blanco salientou o «pracer e a emoción de poder estar hoxe con Manuel Outumuro despois de coñecer o acordo unánime do xurado», sinalando que a distinción é un «exercicio de obrigado recoñecemento para cun ourensán universal, un exemplo do mérito profesional como o demostran os seus centenares de traballos e os seus numerosos premios e galardóns, como o Lucie Award que recollerá en outubro nunha cerimonia en Nova York». 

Manuel Outomuro expresou o seu agradecemento polo premio, referíndose ao mesmo como «un inmenso orgullo que me fai especial ilusión vindo das miñas orixes, da miña terra». Formado como deseñador gráfico na prestixiosa Escola Massana de Cataluña, foi director de arte, deseñador gráfico e ilustrador, antes de centrarse na fotografía como eixe da súa carreira profesional. Outomuro forma parte da historia da fotografía española do século XX e tense distinguido de maneira especial en terreos como os da moda e a cultura. Actores, directores de cine, escritores e deportistas forman parte da recoñecida colección de retratos do fotógrafo orixinario da Merca.