Cando os marcianos coñeceron as carballeiras

O bosque atlántico é o sinal de identidade que nos identifica aos galegos


Cando nos preguntan a algunha das persoas que nacemos nalgunha aldea ou vila da provincia de Ourense por algún dos nosos recordos de cativos, moitos de nós contestaremos, probablemente, que algunha expedición mochila nas costas por algunha das carballeiras que tiñamos preto da nosa casa. Igualmente se a algún ourensán ou ourensá nos preguntan por algunha carballeira, non tardaremos máis de tres segundos en lembrarnos dalgunha pola que pasamos no coche, que visitamos ou percorremos moitas fins de semana asociada ao noso lecer ou traballo. Este coñecemento que no interior galaico posuímos do noso bosque atlántico, implica que nos sorprenda moito cando algunha persoa da nosa periferia ourensá (dígase pontevedrés ou coruñés costeño) nos di que cando se achegaron cara o interior quedaron abraiados ao pasar por algunha das carballeiras que aínda conservamos na nosa provincia, cal incursión marciana, abraiados de poder descubrir que en Ourense aínda gardamos a esencia dalgúns dos bosques autóctonos que hai algún tempo cubrían o noso país. Por desgraza, en numerosas ocasións comportámonos como tales marcianos e non somos quen de apreciar o valor das diversas formas que os bosques atlánticos gardan na nosa provincia. As famosas fragas que son herdanzas dos antigos bosques orixinais que nunca foron desmontados. No seu estado óptimo de conservación son bosques densos, pechados, con ambiente sombrío e permitindo a existencia de gran diversidade florística.

En realidade a case totalidade das fragas son bosques antropizados, son touzas con árbores de pequeno diámetro e copas reducidas, consecuencia de uso dos bosques tradicionais para aproveitamento de madeira, cortiza en forma de taninos ... Estas fragas atopámolas en vales recónditos, especialmente en espazos resgardados das zonas de montaña como Serra do Xurés, Pena Trevinca, en vales fluviais como o Arnoia, Parque Natural do Invernadoiro ... Os soutos e devesas tamén nos marcan no interior galego, son plantacións monoespecíficas de castiñeiros e carballos respectivamente e que asociamos a áreas de media montaña da provincia de Ourense. Neste sentido atopamos grandes áreas de soutos no macizo central, comarca de Monterrei e en numerosos vales illados. Bosques secundarios e formacións mixtas son os máis abundantes. Os primeiros son bosques mozos, pouco densos que se presentan como manchas de pequeno tamaño e que son as que habitualmente coñecemos como as carballeiras que temos perto da casa. Os segundos, son mesturas de árbores autóctonas como o carballo, bidueiro ou rebolo con piñeiros e eucaliptos. Pero porque protexer os bosques atlánticos? Basicamente por dúa ideas ben sinxelas. A primeira é o sinal de identidade que nos identifica aos galegos e galegas. Cantos topónimos que levan o prefixo carballo se nos ocorren? Cantos apelidos con touza, souto ou devesa coñecemos? Seguro que moitos. E se eses famosos marcianos escoitaron falar de Galicia e de Ourense, que é o que agardan ver ao entrar pola A-52 na nosa provincia? Eucaliptos seguro que non. Este é un tema de identidade de pobo, pero menor, se o comparamos co verdadeiramente relevante para coidar o noso bosque atlántico que é a biodiversidade. A práctica totalidade dos pequenos e medianos mamíferos que habitan o territorio galego están asociados ao bosque atlántico; como o raposo, garduña, marta, algaria, leiróns, teixugos, morcegos, musgaños ... anfibios ameazados como a píntega rabilonga son habitantes das áreas máis húmidas. Por suposto tamén debemos lembrar a súa importancia como sumidoiros de CO2. Estímase que en Ourense a superficie de bosques que manteñen as características de bosques primixenios representa menos do 10% da superficie de bosques autóctonos. Se a isto lle engadimos que estes se atopan moi fragmentados, en forma de pequenas manchas illadas pola presión que sofren, darémonos conta da importancia de intervir.

INCENDIOS FORESTAIS

A proliferación de incendios forestais dende hai sesenta anos ven repercutindo moi negativamente no bosque autóctono. Aínda que teoricamente no bosque atlántico ben conservado a propagación do lume sexa difícil, o certo é que a presenza de especies exóticas fai que estes sexan moito máis vulnerables do que comunmente se pensa. Na provincia de Ourense a rexeneración espontánea pola emigración rural viuse recortada pola proliferación de incendios.

talas

Incontroladas especialmente por maquinaria pesada, que permite chegar a zonas antigamente inaccesibles de inmenso valor ecolóxico. Por outra banda, as talas realízanse con total descoido e de forma tan destrutiva que implica un maior control e racionalización por parte da administración.

VÍAS DE COMUNICACIóN

Realizadas sen control e que xeran erosión, impacto paisaxístico, vías de penetración de especies exóticas, fragmentación dos bosques e acceso de público incontrolado.

Transformación

De bosques autóctonos en plantacións de crecemento rápido. As favorables condicións bioclimáticas de Ourense para o cultivo de especies forestais de crecemento rápido, especialmente nos vales fluviais do Miño e do Sil e o carácter invasor destas especies como o piñeiro e o eucalipto, especialmente despois dos incendios, propiciou a substitución de bosques caducifolios por formacións exóticas. O réxime de cultivo intensivo destas especies en turnos curtos, sometidas a talas rasas acompañadas de queimas de despoxos unido á súa natureza colonizadora favorecen a pronta degradación do bosque caducifolio alí onde ambos coexisten.

O reto deste mes: plantar máis de 200 árbores en zonas queimadas

Neste mes dedicado aos bosques atlánticos realizaremos dúas intervencións. A primeira será o reto de plantar máis de 200 árbores nalgún dos montes queimados do Concello de Ourense o 23 de abril. Intervención que realizaremos logo de ter recollido as landras en saídas feitas cos reclusos do cárcere do Pereiro, e que eles mesmos se encargaron de xerminar e coidar.

Esta actividade está enmarcada dentro da campaña que desenvolvemos nas nosas redes sociais, dende novembro ata febreiro, Unha foto de inverno, unha sombra no verán.

Queremos dende Sustinea dar a coñecer algún dos máis fermosos bosques atlánticos que temos na nosa provincia, trátase das fragas e soutos do río Arnoia, no concello de A Merca que visitaremos o día 24 de abril. Alí poderemos ver algúns dos castiñeiros e carballos máis impresionantes de Galicia, apreciaremos como se conservan e como se realizaban os seus aproveitamentos. O río Arnoia serviu de espazo ideal para o crecemento do bosque atlántico aportando humidade e protección ante os incendios, e conformando un marco onde a recollida da castaña -en Galicia temos 16 variedades- e a madeira descortizada dos carballos eran base na economía tradicional. Neste caso achegarémonos á comarca de Allariz, pero ben podiamos ter ido a coñecer outras xoias da provincia de Ourense como, en primeiro lugar, o Bidueiral de Gabín. Situado no macizo Central dentro do concello de Montederramo é o maior bidueiral de Galicia, unha asombrosa combinación de bosque formado por bidueiros, acivros e arandeiras. En segundo lugar, o Teixadal de Casaio. Ubicado ao pé de pena Trevinca, no concello de Carballeda de Valdeorras. É un dos bosques de teixos mellor conservados da península ibérica. Ocupa o fondo dun val sombrío asediado por canteiras de lousa pero chegar a el deixaranos sen palabras.

E, finalmente, o Souto de Rozabales. Temos, para moitos, a xoia da coroa das árbores de toda Galicia: o castiñeiro de Pumbariños. Podemos ir a coñecelo cando nos acheguemos ao concello de Manzaneda, na parroquia de San Martiño. É unha das árbores de maior porte que poderedes ver na península ibérica, ten un perímetro de 12 metros, aí queda iso. Sustinea é unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao Desenvolvemento Sostible. Facémolo mediante proxectos de Desenvolvemento Rural, programas de Educación Ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas.

Máis información www.sustinea.com

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Cando os marcianos coñeceron as carballeiras