Cumio, 35 anos defendendo dende Pontevedra os valores e a cultura galegas

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

A ARNOIA

LÓPEZ PENIDE

«Soño con libros», recoñece o editor Víctor Mascato

01 ene 2024 . Actualizado a las 19:22 h.

Este ano que agora remata foi o do 35 aniversario dunha das editoriais máis recoñecidas de Pontevedra, Cumio. «Cando naceu eu aínda ía ao colexio», apuntou onte o editor Víctor Mascato resaltando o feito de que «pertence a unha das distribuidoras máis importantes de España, que é Arnoia. Cando naceu Arnoia o fixo co ánimo de editar libros, sempre tiveron a espiña cravada e querían aportar o seu granito de area para o mundo da cultura en Galicia, sempre defendendo os valores e a cultura de aquí. E así foi como comezaron no principio», apunta quen é o cuarto editor da editorial pontevedresa.

Mascato iniciou a súa etapa hai tres anos cando Cumio viña de estar «unha serie de anos parados e despois da pandemia», polo que entende que se podería considerar que están practicamente empezando. «O primeiro que fixen foi reorganizar un pouco todo o tema editorial e basicamente comezar de cero nestes novos tempos. O mundo editorial cambiou moitísimo dende que comezou as súas andadas Cumio. Estamos nun mercado moito máis globalizado, máis volátil, con moitísima oferta de todo tipo e no mercado do libro tampouco os números son apabullantes. Tampouco é que sexa un sector de grandes ganancias», engade destacando o aspecto vocacional de moitos dos editores de libros en Galicia «nun momento bastante bonito».

CUMIO

Pero, como elixe Cumio os libros que edita? Neste punto, sinala que «delegan un pouco en min. Basicamente polo que observo ou polo que se demanda noutros mercados. Á hora de facer unha produción editorial sempre pensamos no mercado editorial galego, sempre. Mirando cal é a falta de material que hai aquí e aproveitámonos da produción en galego para facela noutros idiomas do Estado español: castelán, eusquera e catalán. E xuntando todos eses idiomas, somos quen de poder ofrecer materiais inéditos en galego que estean a altura do mercado».

A este respecto, deixa claro que «a venda dun proxecto editorial, non é soamente a venda física nunha librería. Está a venda institucional, as bibliotecas, a venda de dereitos internacionais e está tamén a exportación. Todo iso pode facer que un proxecto editorial sexa máis ou menos rendible». E todo elo sen perder de vista aqueles segmentos do mercado que non están atendidos.

Víctor Mascato, de igual xeito, deixa claro que os autores noveis son benvidos en Cumio: «Dámoslle entrada a proxectos noveis, tanto pola parte de autoría, como pola de ilustración. Sempre tratamos de facer algún tipo de mestura un pouco novidosa. De momento, estamos aínda arrancando e hai libros de autores noveis, e máis que están en camiño».

Situación do mercado

Tras destacar que «somos bastante activos. Son unha persoa que recorro basicamente as principais feiras mundiais do libro. Temos presenza en Frankfurt, en Alemaña, acabo de voltar de México, que estiven en Guadalaxara. Tamén estamos en Itália, na feira de Bolónia, vamos ao Líber en Madrid ou Barcelona dependendo do ano que sexa», Mascato asume que «é é certo que o mercado editorial español é moi dinámico. Para os datos que eu maneixo, creo que hai máis oferta que demanda de libro neste momento. Publicase, creo, máis do que o mercado pode asumir. A presencia editorial española nas feiras internacionais é bastante significativo e bastante importante comparado con outros países do entorno, como pode ser Francia, Italia...».

LÓPEZ PENIDE

Cando ao editor de Cumio se lle pregunta con que soña, a súa resposta é «que o traballo vaia ben rodado. Sempre miro en pro do libro, non miro en pro persoal. Que se recoñeza o traballo que estamos facendo. O que máis satisfacción me pode dar é que un libro no que empregamos moito tempo na súa produción, á xente lle guste. E, ás veces, tamén darlle saída a algún proxecto polo que eu aposto persoalmente que despois ten unha relativa demanda. Pero soño con libros, si».

Recoñece que nunca imaxinou estar onde está neste punto da súa vida profesional, como tampouco pensou, «porque veño doutros sectores», que «a miña vida terminaría facendo traballos de edición». Curiosamente, acabou descubrindo que isto era o que máis lle gustaba sendo, como é, «un traballo moi sacrificado, de 24/7. Tes unha equipa detrás túa de xente, traballando, e tes a un grupo de xente diante que está a esperar o teu produto. Moitas veces son como o pescozo dunha botella polo que entra todo e ten que volver a saír todo».

O futuro

E de cara ao futuro, «estamos con proxectos ambiciosos en términos divulgativos que era unha cousa que ao mellor aquí faltaba, é dicir, libros de gran produción, libros raros de gran produción que aborden temas divulgativos, e metémonos nalgúns temas de divulgación, algúns xa están no mercado. Non podo desvelar moito, pero veñen cousas guays e cousas en formatos grandes».

CUMIO

E falando de formato, Mascato non dubida de que o formato «condiciona. Ao principio tiraba por un formatos grandes e a xente queixábase un pouquiño de que non cabían nos andeis e nas mochilas escolares polo que fun reducindo o tamaño. Ás veces, o tamaño non o é todo».