A baixada continuada de vendas obriga ao peche a Edicións do Cumio, tras case trinta anos de actividade

Foron pioneiras as súas coleccións de biografías e guías, xunto co Dicionario que se acompañaba dun cederrón


redacción / la voz

Edicións do Cumio, a editora e discográfica galega fundada en 1988, vén de pechar a causa dunha continuada baixada de vendas que facía inviable a súa continuidade económica, segundo explicaron onte fontes do selo. A falta dun ano para facer os trinta de actividade, Cumio foi un nos referentes neste tempo para a edición galega con vocación de amplitude: publicaron literatura, tanto de creación como de ensaio; material didáctico e de ensino, así como obras para lectores novos. Foron pioneiras as súas coleccións de biografías e guías, xunto co Dicionario que se acompañaba dun cederrón.

A mala nova para toda a cadea do libro, concretouse, despois de varios exercicios continuados de descenso comercial, a partir do verán pasado. Entón comezou o desmantelamento do selo, que deixou de producir novidades e comezou a contactar con autores, libreiros e distribuidores para informar do cese de actividade. Cumio aínda mantén abertas as liñas de comunicación, xa que o peche é un proceso longo, pero xa non retomará o seu labor. Os catro empregados cos que aínda contaba na actualidade foron recolocados noutras empresas do grupo ao que pertencía Cumio, a distribuidora Arnoia, e que dá emprego a unhas 140 persoas.

Cumio chegou a ter un catálogo de cincocentos títulos, ademais dun cento de referencias discográficas, xa que a editora tamén deu acubillo a grupos galegos de música de todos os estilos, e fixo outras incursións na produción audiovisual. Precisamente a crise actual xa tivera un precedente cando se produciu un declive vertixinoso na industria musical, e que, segundo admiten en Cumio, fixo bastante dano.

Crise no sector

A razón última do peche do selo, a baixada de vendas ata chegar a un punto insostible, está vinculada coa crise económica que incidiu notablemente no sector editorial e, de xeito especial, no do libro galego. Diminuíron a facturación, o número de títulos e a tiraxe media. A irrupción da dixitalización e os cambios de hábitos no lecer afectaron ao sector editorial e tamén ás librerías, onde a produción en galego atopa, agás contadas excepcións, unha escasa visibilidade, segundo lembrou onte un dos empregados de Cumio. Tamén tiveron un impacto negativo as modificacións lexislativas que afectaron aos manuais escolares, así como os cambios no sistema de adquisición de fondos das bibliotecas públicas por parte da Administración.

Para facer fronte á crise, Cumio explorou a apertura doutras liñas editoriais, como foi o caso da especialización en eidos como a cartografía, pero os esforzos por manter viva a produción bateron contra a «dura situación cultural de Galicia», segundo unha fonte do selo. «Non puidemos facerlle fronte a esta conxuntura negativa e, se non tes vendas, acabas por sufrir».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

A baixada continuada de vendas obriga ao peche a Edicións do Cumio, tras case trinta anos de actividade