A viticultura comprometida coa terra

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

A ARNOIA

Santi M. Amil

José Estévez e o seu fillo Mauro diron continuidade ao proxecto familiar de A Arnoia

23 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a súa diferenza xeracional e profesional hai unha paixón compartida que une a José Estévez (60 anos) e o seu fillo Mauro (27). E a mesma tivo a súa orixe na altura dos anos 40 do pasado século, cando José Estévez Álvarez comezou a elaboración dos seus propios viños coas mellores castes para o seu consumo e vendendo o resto aos corredores que percorrían as terras do Ribeiro. Mais non todo é tan doado como semella e nesta historia escrita polos que saben partir a terra, ler o ceo e cheirar o aire hai tamén malos tempos, moitos esforzos e traballos a ermo para conseguir unha vizosa realidade que recibe parabéns en cada novo chanzo percorrido.

Pepe Estévez lembra o balbordo dos tempos de rapaz na Arnoia, cando o seu pai elaboraba o viño na adega «e viñan os pipeiros a mercalo por olas e por moios. Había un almacenista de Vigo, un tal Ojea, e compraba moito por aquí. Cando se vendía era unha festa: meu pai chegaba dicindo que vendera as uvas e ao día seguinte ías á vila -a Ribadavia- e mercabas a neveira ou o que fixese falta para a casa». Mudaron as cousas, o Ribeiro murchou e as viñas deixaron de marcar a vida como fixeran durante séculos. Pepe Estévez botou 24 anos traballando de auxiliar de farmacia en Ribadavia, mais nunca deixou de cavilar naquelas parcelas, anacos cativos as máis das veces, que tiña a familia espalladas por toda A Arnoia.

Foi desermando, recuperando cepas, trocando anacos de terra, erguendo valados, mercando o que se podía, facendo novas plantacións... e no 2002 veu ao seu: deixou a famarcia e poñía no mercado as primeiras botellas do seu viño de referencia, o Mauro Estévez que chegaba coas uvas da colleita do 2001. Un plurivarietal a base de treixadura, albariño, loureira e lado.

Un viño de lado único no mundo

As extremas de Pepe Estévez na viticultura son rexas: non quere máis viñedo que o que poda atender persoalmente e controla directamente todo o proceso -dende a recollida manual da uva ao embotellado realizado do mesmo xeito-. Tampouco precisa andar á procura de nomes ou marcas de impacto: o seu primeiro viño leva o nome do seu fillo e a aposta estrela dos últimos tempos fixa aínda máis familia e territorio. Uxía da Ponte leva o nome da súa filla e do lugar da Arnoia onde viven, A Ponte.

Uxía da Ponte é un viño único no mundo. Este monovarietal está elaborado exclusivamente con lado, unha uva fina e de gran calidade característica da Arnoia. Pepe Estévez recuperou todas as cepas que había nas viñas da familia e plantou aínda máis. Non o di con fachenda, porque non gasta, pero é o colleiteiro coa maior plantación de lado.

O compromiso cunha adega pequena de produción xusta -ao ano saen da vella casa dos avós, convertida en corazón da marca familiar, 12.000 botellas de Mauro Estévez, unha partida simbólica de 600 de tinto con esta mesma marca, e outra de 700 botellas de Uxía da Ponte, a que califican como «a xoia da adega»- turrou de Mauro Estévez, aquel rapaz que de adolescente lle diu nome a un viño que figura entre os tres mellores ribeiros, con 93 puntos, nunha das guías de referencia no sector. Hai dous anos que está na xestión da adega co seu pai e o relevo xeracional funciona. «Tiña gañas de facer cousas e vin que había posibilidades. Creamos unha páxina web, estamos nas redes sociais, mandamos mostras a concursos e accedemos a axudas do Igape ou participamos en misións comerciais. Eran cousas que ao mellor antes chegaban pero non se miraban ou non se respostaban». E así remataron por recibir na Arnoia a ingleses, mexicanos e colombianos ou a pechar acordos con varios países. Na actualidade exportan a Inglaterra, Alemaña e Francia. O viño xa o remataron en decembro, máis nada vai cambiar. A terceira xeración de colleiteiros dos Estévez teno claro: «Esta é unha adega pequena que aposta por un viño de calidade. Se amplías, e non podes controlar o proceso, perdes calidade».

quen son

O pai. José Estévez Fernández, Pepe Estévez, traballou durante anos como auxiliar nunha farmacia da vila de Ribadavia. Un día apostou por darlle continuidade ao legado familiar e recuperou, e ampliou, o viñedo que tiñan na Arnoia. No ano 2002 sacou a primeira colleita do seu viño: Mauro Estévez.

O fillo. Mauro Estévez Álvarez licenciouse en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende hai anos desenvolve a súa carreira profesional en Anfaco-Cecopesca. Compaxina o traballo no laboratorio coa responsabilidade na adega familiar. Coa súa incorporación chegou a presenza nas redes e a exportación a países como Inglaterra, Francia ou Alemaña.