A 47.ª edición arrinca hoxe coa feira e concerto de Tapa D?Orella e mañá co de Sés
09 oct 2026 . Actualizado a las 18:26 h.Vilar de Barrio entrégase esta fin de semana a festexar o produto limiao por excelencia, a pataca. Serán xa, con esta, 47 edicións da Festa de Pataca, que coloca ao concello entre os pioneiros nas celebracións gastronómicas. Nos últimos anos o programa de actividades foise ampliando e agora abarca xa as tres xornadas da fin de semana, desde este venres ata o domingo. Rematados os traballos de colleita da pataca, chega o momento de gozar.
O cartel presenta propostas variadas e para todos os públicos. Haberá tempo para o humor, para os xogos, para as degustacións gastronómicas e para a festa de noite. Durante a mañá deste venres celébrase a feira. Despois de comer haberá xogos populares. A partir das 19.30 horas, os cómicos Pepo Suevos e Dani Dopazo ofrecerán o seu espectáculo Xacobeo de Veteráns, cheo de humor galego. Á tardiña, desde as 20.30, comezarán os Cantos de Taberna. Para esta primeira noite queda o Pataca Fest, coa actuación de Tapa D' Orella, o proxecto musical de Willow GHC (Darío Burgos) e Pappaquino (o verinés Joaquín Limia), quen sairán ao escenario ás once da noite. A festa continuará cunha discoteca móbil. O festival ten lugar na praza do Toural e a entrada é de balde.
O sábado é un dos días grandes da festa, cun programa completo que abarca demostracións culinarias, como a que ofrecerá a chef Begoña Vázquez ao mediodía. Antes de comer haberá música tradicional e, despois, xogos, relatorios e máis degustacións. O Grupo de Concertinas Sons do Río, de Montalegre (Portugal) amenizará a sesión de tarde. Á noite será a xa consolidada cea con ovos fritidos con patacas e chourizo asado. Este popular prato ten un custe de seis euros e servirase a partires das oito e media. As 22.30 horas será o concerto de Sés, na segunda xornada do Pataca Fest.
O domingo, terceiro día da celebración, é o máis institucional e tamén popular. Un dos actos centrais é o desfile «O rural e a pataca», previsto para as 12.00 horas. A continuación darase o pregón oficial. Trala comida popular, haberá máis espectáculos culinarios e degustacións. O domingo e o sábado pola tarde, o showcooking ofrecerao o chef André Arzúa, quen cociñará dous pratos coa pataca como ingrediente.
A festa continúa de tarde con xogos populares, foliada e a música da charanga Bandiños Band. Esta edición pecharase coa entrega dos premios ás mellores patacas. Distínguese tres posicións segundo o peso dos tubérculos e hai unha segunda categoría, máis creativa, que premia a composición de cestas con produtos de outono.
Haberá máis alicientes, como as demostracións de forxa e de cestería en vivo, que se poderán ver no posto do Mercado da Deputación da Coruña.