Ourense calidade

Xosé M. Pacho SECCIÓN DE ULTRAMARINOS

OURENSE

Entrada da vivenda que Julio Iglesias mercou en Piñor
Entrada da vivenda que Julio Iglesias mercou en Piñor Santi M. Amil

Ourense é un territorio máxico. Como Comala, como Macondo, como eses espazos míticos que non existen ata que son nomeados, escritos e imaxinados. Mal imaxinaba a Pardo Bazán que cando nas súas novelas falaba desa Coruña mítica que ela lembraba dende Madrid e a chamaba Marineda, algún día, nesa mesma Coruña habería un centro comercial con ese nome. A maxia que teñen as palabras é xustamente iso, a súa performatividade, a súa capacidade de transformar as ideas en realidade. Así, ese deus tamén mítico que enche a nosa cultura relixiosa, valeuse das palabras para crear o mundo, e por iso no libro do Xénese da Biblia cristiá e da Torá, declárase que deus dicía: fágase o mundo, e o mundo fíxose. Lembro que hai moitos anos coñecín a unha nena que inventara outro lugar máxico: Murgueses, onde pasaban cousas que só se podían imaxinar, como se iso fose pouca cousa, como se iso non fose extraordinario. Tempo despois, ese espazo serviume a min para crear un mundo literario que está por escribir pero que explica moi ben como a mente humana interactúa coa realidade. E en Ourense hai algo diso.

Mentres a cidade aprobaba os orzamentos cunha xogada de Jácome, e o seu voto de calidade, eu estaba en Vigo con Martín Pallín, un eximio xurista español que convidamos para falar de algo que está moi de moda: o lawfare, que non é outra cousa que o activismo xudicial que fan algúns xuíces para tentar conseguir coas súas sentencias os que outros non conseguen cos votos. Martín Pallín ten noventa anos e unha lucidez admirable que lle permite dicir como xurista o que outros non se atreven. Estabamos neses debates mentres ceábamos, cando decidimos tomarnos unha botella de viño. El díxome moi serio, que tiña que pedir godello de Monterrei. Eu, que tamén gusto moito desta uva, sumeime, e aproveitei para preguntarlle pola súa relación con Galicia, por iso de que nacera na Coruña. El contestoume que alí estivera pouco tempo, que sobre todo tivera relación con Verín, porque a súa nai era de alí. Díxome que durante moito tempo da súa vida pasara os veráns na vila de Monterrei, e que a lembraba moi vivamente. Iso si que é Ourense calidade, pensei.

Non se pode explicar a influencia dun lugar na túa propia xeografía vital. Todos temos na nosa memoria lugares especiais, extraordinarios, que cando os comparamos coa memoria de outros ou co que realmente hai, non se parecen en nada. É difícil de explicar, pero hai algo máxico que lle confire sentido. Como o de Julio Iglesias. A ourensanía agora está aliviada porque Julio Iglesias parece que non vai vender a casa que comprou en Piñor, e que o vencellaba a un Ourense onde xa pasara tamén tempo de novo, porque o seu pai tamén era ourensán. Todos os que temos unha idade lembramos ao pai de Julio Iglesias pasear da man da súa muller pola rúa do Paseo. Iso é Ourense, o espazo mítico da memoria de moitas vidas. Pero se cadra, nada máis.

Mentres seguíamos compartindo xantares, paseos e conferencias con Martín Pallín, foron incorporándose outros amigos ás conversas. Javier falounos de Adolfo Prego de Oliver, o seu tío, maxistrado emérito do Tribunal Supremo e sobriño do noso pintor, e irmán de Victoria Prego, e de novo ourensán. E iso levounos a Alfaya que traballou de xuíz no Barco, e a Picatoste que, aínda que era de Betanzos e vigués distinguido, tiña familia en Valdeorras. E uns e outros facían o que se fai tantas veces en Vigo, falar de Ourense, amosando a calidade dun lugar que se constrúe só con palabras, o Ourense mítico.

Lembro que, falando cos fillos do meu querido Arturo Lezcano, contábanme que os seus pais describían as marabillas de Ourense, e eles, os fillos, cando viaxaban á provincia, non deixaban de sorprenderse porque todos iso do que lles dicían Ruco e Viruca non existía. Formaba parte só da súas evocacións. Se mañá lle dan o premio Nobel de literatura a un escritor español, non me estrañaría que tivese vínculos con Ourense —estou pensando en Juan Mayorga ou Vila-Matas— porque coñecendo o noso presente, hai que ter moita imaxinación para pensar nun Ourense mítico e fabuloso. Pero, se cadra, esa mistificación dun lugar inexistente poida funcionar como a Ítaca de Homero, como unha liña no horizonte que, se cadra, algún día poidamos alcanzar. E que exista ese territorio imaxinado, si que reflicte a calidade do que podemos ser como ourensáns.