Alumnado ourensán coñecerá o patrimonio histórico que xurdiu das guerras hispano-portuguesas

La Voz

OURENSE

Presentación do proxecto Gerês-Xurés máis sustentável realizada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, acompañado de Rebeca Flanco Rotea e Jorge Correira (Universidade do Minho) e Javier Feijoo (técnico d Deputación).
Presentación do proxecto Gerês-Xurés máis sustentável realizada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, acompañado de Rebeca Flanco Rotea e Jorge Correira (Universidade do Minho) e Javier Feijoo (técnico d Deputación). Alberte Paz Garza

Escolares da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés recibirán charlas sobre as paisaxes fortificadas na Idade Moderna, cun programa promovido pola Deputación e adxudicado á Universidade do Minho

06 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha iniciativa de divulgación educativa dará a coñecer entre o alumnado ourensán e portugués o patrimonio histórico e as paisaxes fortificadas da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. A Deputación de Ourense é a promotora deste programa, que inclúe charlas en centros educativos de Galicia e de Portugal. Para iso elaboráronse unha unidade didáctica bilingüe, adaptada para nenos, paneis interpretativos e unha guía dixital, que quedará dispoñible en liña. 

A Universidade do Minho é a entidade á que se lle adxudicou o programa. Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Laboratorio de Paisagem Património e Território, e Jorge Correia, profesor catedrático da Escola de Arquitectura, Arte e Deseño, presentaron a iniciativa este xoves en Ourense. Ambos puxeron de relevo a importancia do proxecto para transmitir coñecemento sobre o propio patrimonio, que aínda é bastante descoñecido. A proposta céntrase en divulgar o patrimonio relacionado coa Guerra Hispano-Portuguesa ou Guerra da Restauración Portuguesa, desenvolvida entre 1640 e 1668. Nese período, a fronteira experimentou unha importante transformación coa construción de numerosas fortificacións, das que aínda se conservan abundantes vestixios na paisaxe do Gerês-Xurés. Traballan cos conceptos de guerra e fronteira, profundizou Blanco-Rotea.

As actividades vanse desenvolver nos centros educativos da parte galega da reserva, nos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños. Haberá seis charlas sobre o contexto histórico no se que se edificaron esas fortificacións, para aprender a interpretar os vestixios. Previamente, a Universidade do Minho distribuirá 400 exemplares da unidade didáctica elaborada. A acción educativa forma parte do proxecto Gerês-Xurés Máis Sustentavel, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.