Despedida do Campamento Urbano 2026 en Ourense

Xulio César Iglesias

OURENSE

Día da Boa Xente del Campamento de verano de Amencer
Día da Boa Xente del Campamento de verano de Amencer RAÚL ESTÉVEZ

A organización agradece a colaboración das entidades públicas e privadas que facilitaron un novo éxito da iniciativa na que participaron máis de mil persoas

17 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a calor de agosto apreta na nosa benquerida Auria, a Asociación Xuvenil Amencer enche a cidade dunha marea de nenas e nenos, mozas e mozos que participan no Campamento Urbano, o xa tradicional «refresco do verán».

Co lema «O noso verán, a nosa historia», neste ano foron 1.004 persoas as que participaron do 3 ao 13 de agosto na nosa iniciativa de tempo libre educativo. Libre, aberta e gratuíta, que permite gozar do verán acompañados e redescubrir a cidade e as persoas que a habitan nela dun xeito lúdico e diferente.

A actividade consolídase como alternativa nun mundo moitas veces complexo e hostil precisamente para os cativos. Para poñer o ramo a esta 39 edición queremos facer público o noso agradecemento a quen fixeron posible, un verán máis, seguir vivindo con ilusión o Urbano na cidade das Burgas.

Grazas a todas as nenas, nenos, mozas e mozos que vos apuntastes este verán, porque convosco seguimos escribindo a nosa historia. Grazas tamén ás familias que nos confiastes o voso ben máis prezado: os vosos fillos. Grazas a todas as animadoras e animadores pola vosa xenerosidade, entrega, ilusión, ledicia e compromiso. Agradecemos tamén ao Concello de Ourense e á Deputación Provincial por seguir apostando polo Urbano e colaborando. Grazas á Obra Salesiana de Ourense polo sostén e apoio que nos brinda sempre e á Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia por compartir este proxecto con nós.

E por suposto, grazas tamén a todas as persoas particulares que, dun xeito ou doutro, puxeron o seu grao de area; aos organismos públicos e privados e ás 204 entidades que, incluso desde o anonimato, nos acompañastes neste ano da nosa historia. Tamén queremos expresar o noso agradecemento aos medios de comunicación por darlle cobertura e visibilidade a esta boa nova; de maneira especial a La Voz de Galicia.

Ourensás e ourensáns, grazas pola vosa acollida e tamén pola vosa paciencia e comprensión. Vémonos con máis pompas, risas e cores na 40 edición do Urbano. Bo verán!