28 historias xudiciais narradas en relatos que chagaron ao Carballiño

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xosé Prada, durante a presentación do seu libro  É hora de contar  no Local Social de Madarnás.
Xosé Prada, durante a presentación do seu libro É hora de contar no Local Social de Madarnás. ALEJANDRO CAMBA

Xosé Prada Martínez segue de xira co seu libro titulado «É hora de contar»

04 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Supera a realidade á ficción? ¿Cantas historias pode acumular unha persoa ao longo de máis de cincuenta anos de traballo?

O procurador dos tribunais Xosé Prada Martínez segue de xira co seu libro titulado É hora de contar e onte tocoulle a quenda ao Local Social de Madarnás, no Carballiño, nun acto no que estivo acompañado por Eduardo Bernárdez. «É un libro de relatos tristes, cómicos, longos, curtos, brevísimos...», explica o propio autor sobre esta publicación de 160 páxinas editada por Editorial Alén Parte. A obra reúne 28 relatos independentes escritos en primeira e terceira persoa durante diferentes épocas da súa vida, algúns dos cales estaban agardando saír á luz —gardados dende hai décadas— e outros foron reformados tras habelos apartado durante meses. A maioría das historias teñen un ton cómico ou de humor, aínda que tamén se inclúen pasaxes tráxicas como a carta curta e dolorosa que escribe unha señora nun hospital. Todas elas co ámbito xudicial de fondo. «Son cousas que me pasaron a min ou que me contaron», sinala o escritor sobre a orixe dos textos.

Moitos están baseados en anécdotas reais disfrazadas do sector no que leva traballando máis de medio século, xunto con relatos compartidos por amigos. Con todo, aclara que son historias ficticias con algo de verdade e que, aínda que situou algunhas no Carballiño por ser onde vive, non aconteceron aí. «Tiña dous máis, pero desboteinos porque non eran publicables», revela sobre o proceso de selección. Inicialmente ían ser 30 relatos, pero descartou un conto infantil dedicado á súa neta e outra trama de persoas que se podían ofender «porque non había forma de disfrazala».

Trátase dun libro para ler a modo, para gozar a contagotas. Xosé Prada recomenda á xente, ós amigos, que non o acaben dunha vez, senón que vaian texto por texto, que pechen o volume e que volvan a el días despois. E, polo de agora, non descarta publicar unha segunda parte.

Tras a cita en Madarnás, o autor continuará a súa rolda de presentacións en Cea (día 6, 20.30 horas), Beariz (día 10, 20.00), Maside (día 18, 20.30) e O Irixo (día 24, 20.00 horas).