Condena en Ourense a estar cinco anos sen ver á súa filla polo seu cruel comportamento cara ela: «Oxalá non naceses»

Marta Vázquez Fernández
M. Vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Imagen de archivo del Tribunal de Instancia de Ourense.
Imagen de archivo del Tribunal de Instancia de Ourense. M. FERNÁNDEZ

A acusada, con graves problemas de alcoholismo, tamén faltaba ao respecto constantemente á súa proxenitora

26 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivía coa súa nai e coa súa filla, pero a ambas as dúas lles dispensaba o mesmo trato hostil. Así o recolle unha sentenza na que se condena a unha muller que durante anos someteu ás súas achegadas a situacións de tensión emocional polo seu mal carácter. A acusada, con problemas de alcoholismo, demostraba non ter paciencia coas pequenas contrariedades da vida diaria e, ante calquera problema coa súa filla adolescente, respondía cun insulto ou unha humillación. «Mala persoa» ou «oxalá non naceses», dicíalle á menor cando tiña apenas doce anos. Coa súa nai non era máis cariñosa. Os empurróns eran frecuentes e os insultos, como «puta», máis habituais do desexable. A rapaza abandonou o domicilio en canto cumpriu a maioría de idade, pero non denunciou os feitos ata o 2022. Ela e a súa avoa decidiron que non podían deixar que aquel comportamento quedase impune. Agora o caso péchase cunha condena.

Todo se remonta ao ano 2012, cando as tres mulleres residían na Merca. A sentenza recolle que ao longo do tempo de convivencia a acusada «dirixiuse de forma constante e habitual á súa filla e á súa nai con hostilidade verbal, enfadándose por pequenos detalles». Esta actitude provocaba que proferise insultos continuados á súa descendente, con expresións como «filla de puta», ou «imbécil». En moitas ocasións chegaba tan lonxe co seu odio que lle dicía á menor que tiña o carácter do seu pai e que «oxalá non nacese». En canto á nai da maltratadora, queda probado que se dirixía a ela con frases como «non es miña nai», adoptando con elas condutas agresivas tales como empurróns. Todo ese comportamento causou nas dúas vítimas «un gran temor e desasosego». No ano 2016, cando xa era maior de idade, a filla da acusada marchou vivir a outra localidade. Seis anos despois foi cando puxo a denuncia, persoándose tanto ela coma a súa avoa como acusación particular no asunto. A sentenza condena a investigada como autora de dous delitos de maltrato habitual no ámbito familiar, impoñéndolle por cada un deles unha condena de tres meses de prisión. A maiores, establece que non poida achegarse nin á súa filla nin á súa nai durante cinco anos, xa que do contrario podería ser detida.