Carmen Gómez, profesora xubilada de Lingua Galega e Literatura: «É puro pracer ver como medra a semente da poesía nos teus alumnos»
OURENSE
Repasa as súas tres décadas de docencia no IES Lagoa de Antela
09 jul 2026 . Actualizado a las 11:14 h.A paixón de Carmen Gómez García son as letras galegas. Acaba de xubilarse despois de máis de tres décadas de docencia como profesora de Lingua Galega e Literatura, a maior parte do tempo no IES Lagoa de Antela. Nesa etapa, ademais do seu labor nas aulas, participou activamente en proxectos vencellados co idioma e o patrimonio inmaterial da comarca da Limia, desde a recollida de lendas á toponimia ou as tradicións. A maiores, ten un premiado labor como poeta. De feito, recentemente acaba de recibir o galardón no terceiro certame literario Antón Tovar, convocado polo Padroado do Museo da Limia.
Sobre as súas dúas grandes paixóns, precisamente Carmen entende que están conectadas: «Son espazos naturais. Hai moitas persoas escritoras, de recoñecido prestixio, no profesorado». Unha das súas maiores satisfaccións no instituto, explica, ten que ver co feito de ver florecer o talento coas letras nos seus antigos alumnos. «É emocionante ver como esperta a pulsión de escribir nalgunhas persoas, aí están os exemplos de Xabier Xil Xardón e Cándido Paniagua Pousa, dous antigos e brillantes alumnos que gañaron concursos literarios e que teñen obra publicada. É puro pracer ver como medra a semente, sen dúbida», resume.
Gómez asegura que a relación dos mozos coa literatura e coa poesía ten certa complexidade e que, case sempre, forma parte dun proceso: «De primeiras, manifestan certa desconfianza, resultáballes pouco atractiva ou mesmo cursi, porén cando poñías en práctica dinámicas afastadas do enfoque académico, máis lúdicas e creativas, algunhas persoas acababan sucumbindo, enganchándose. A sorpresa é fundamental, é necesario remover para conmover». En todo caso, a docente e poetisa ten claro que os alumnos non son os únicos que aprenden nas clases: «Aprendes vocabulario novo e outras formas de pensar, tamén a desenmascarar os meus propios prexuízos. Logo, hai xente que non era moi aplicada e que tiña dificultades académicas ou poucos recursos, pero na que descubrín habilidades inesperadas, por exemplo, no ámbito teatral».
A actividade poética de Carmen Gómez foi tardía. Ela explica os motivos dese proceso na súa voz: «Estivo aparcada por prioridades educativas e familiares. A poesía desde pequena xa me rebulía por dentro. Durante moitos anos estivo aí, como hibernando, ata que un día acordou e reclamou o seu espazo, a súa voz. Agora que teño tempo dedícome a experimentar. Por aí andan novas propostas, abrindo camiños; que saian á luz non só depende de min, hehe». Tampouco se esquece da Limia, sobre a que recolleu nun poema todo o traballo realizado de investigación do patrimonio inmemorial relacionado coa lagoa de Antela.
E nesas anda Carmen nesta nova etapa tras a docencia. En experimentar coas letras e en gozar do tempo libre en compañía de amigos e familiares. De feito, atende a petición de reportaxe de La Voz de Galicia case coas maletas na man, uns días antes de partir de viaxe cara a Italia, onde agora se atopa. A pesar de que está xa lonxe das aulas, non ten reparos en enviar unha mensaxe, en forma de recomendación, ás novas xeracións de alumnos : «Pídolles que intenten desterrar os prexuízos e que lean e escriban, que sintan o poder transformador e reparador da poesía».
«Antón Tovar ben merece que lle adiquen o Día das Letras Galegas»
Carmen Gómez acaba de recibir o premio da terceira edición do certame literario Antón Tovar polo seu poema Raíz de pereira. «Supón unha inmensa ledicia porque Antón Tovar era da Limia, terra coa que manteño un vínculo moi forte xa que nela impartín clases durante 32 anos. Tamén me honra que o premio leve o nome dun escritor tan significativo, cuxa obra atormentada leva as marcas da ditadura que, por desgraza, lle tocou vivir. Confío en que logo se lle dediquen as Letras Galegas, ben o merece», explicou. Carmen sinala unha anécdota sobre o poema que levou a que non tivera o título que ela tiña pensado nun primeiro momento: «En realidade levaba o título de Antón, pero na versión final que enviei ao concurso esquecín escribilo e o xurado, supoño, interpretou que o primeiro verso era o título que, por outro lado, azares da vida, acáelle moi ben. Nese verso, conscientemente aludín metaforicamente á aldea onde naceu Antón Tovar». Foi para Carmen o día da entrega, no Museo da Limia, unha data inesquecible: «O clima poético potenciouse e os versos cobraron vida».
Quen é
Nome. Carmen Gómez García naceu en Sampaio (Ribadavia).
A que se adica. Foi docente durante máis de tres décadas. Como escritora acaba de gañar o premio do terceiro certame literario Antón Tovar.
O seu recuncho. A Praza Maior de Ourense, como punto de encontro coas súas amizades ás que agora, tras a xubilación, pode adicar máis tempo.