O Concello organiza o día 18 de maio a presentación dun libro de Senén Barro e un mural adicado a Begoña Caamaño no Conservatorio de Música
06 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A área de Educación do Concello do Carballiño conmemorará o 18 de maio o Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 á xornalista e escritora Begoña Caamaño, cunha xornada que combinará literatura e arte urbana. «Toda a poboación está convidada a participar e desfrutar das actividades», sinala Lorena Castro, concelleira de Educación. A programación comezará coa presentación do libro «Poden pensar as máquinas?», de Senén Barro, ás 11.00 horas no auditorio municipal Manuel María e con entrada aberta ao público xeral. Barro, doutor en Física, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela), reflexionará sobre a orixe da intelixencia artificial, as súas semellanzas co cerebro e a súa posible evolución. No acto estará acompañado por Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e Reme Forneiro, de Ozocogz.
A continuación, presentarase o novo mural conmemorativo das Letras Galegas na entrada do Conservatorio de Música do Carballiño. O deseño, elaborado por Ozocogz, rende homenaxe a Begoña Caamaño. «Queremos que a veciñanza coñeza á protagonista das Letras Galegas deste ano. Trátase dun mural realizado con moito agarimo», apunta a concelleira de Educación.