A boxeadora ourensá que comezou por saúde e agora compite por títulos

OURENSE

A boxeadora ourensá, Luzía Piñero, no cuadrilátero de Turbo Box onde entrena para competir e tamén traballa
A boxeadora ourensá, Luzía Piñero, no cuadrilátero de Turbo Box onde entrena para competir e tamén traballa SANTI M. AMIL

«Estou superando as miñas expectativas», confesa Luzía Piñero

20 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis dun mes que se proclamou campioa galega de boxeo neoprofesional e xa está enfocada en revalidar o seu título. Luzía Piñero (Ourense, 1992) aterrou nesta modalidade deportiva case por casualidade. Foi no kick boxing onde atopou unha vía de escape ao estrés e á ansiedade, e tamén onde empezou a competir. Pero non foi ata o ano 2020 cando comezou a boxear: «Empecei a adestrar en Turbo Box e a raíz de que naceu a miña filla, no 2023, utilicei o deporte para volver a atoparme e sentirme ben», recorda. Coñeceu a Manuel Míguez, quen a adentrou no boxeo e quen máis tarde se convertería na súa parella, adestrándoa e axudándoa a exprimir todo o seu potencial. Aínda que Piñero recoñece que o seu mellor momento, tanto a nivel deportivo como persoal chegou despois de dar a luz: «Agora teño o equilibrio entre madurez, constancia e un foco bastante grande». Tan só catro meses despois de nacer a súa filla Lara, Luzía volveu aos rings. «Fun adestrando e competindo sen obsesionarme pero sen perder o foco en cada día ser mellor», confesa.

O pasado 2025 alzouse co título galego de elite, momento no que entrou como aspirante á categoría de boxeo neoprofesional, que ten as súas diferenzas con respecto do afeccionado. «Aquí pelexamos sen casco, empregamos vendaxe dura e cada combate é a cinco asaltos», explica a ourensá. Aínda que ela mesma non se considera unha boxeadora, senón que é unha das múltiples facetas de Luzía Piñeiro, non oculta a súa satisfacción por todo o traballo duro que hai detrás de cada éxito ás súas costas. «Adestrei un montón a nivel mental, físico e técnico-táctico. Estou superando as miñas expectativas. Empecei divertíndome, disfrutando enriba do ring e a partir de aí foron chegando os obxectivos», confesa Luzía. A boxeadora asegura que todo o que está a vivir ata o de agora é un soño para ela, pero non quere ilusionarse en exceso para así continuar disfrutando de todo o proceso de preparación e tamén de cada combate. Nunca se quixo fixar metas a priori inalcanzables, senón comezar pouco a pouco e abrazando o proceso de preparación para unha modalidade que require un gran compromiso como é o boxeo. «É un deporte moi duro, de equipo pero moi solitario á vez, porque estas ti soa no ring pero non es nada sen os teus», continúa.

Disciplina e constancia

O seu traballo como adestradora de boxeo tamén lle permite vivir as veladas dende o outro lado do cuadrilátero, axudándolle a comprender dunha forma máis completa o deporte. Porén, a súa forma de ser tamén a empurra a dar o mellor de si mesma: «Eu son moi esixente e sempre intento exprimirme. A miña situación é privilexiada pero complexa ao mesmo tempo. Madrugo moitísimo para abrir Turbo Box e cando remato, adestro todos os días. Teño unha disciplina bastante elevada», conta Piñero, quen sempre reserva as súas tardes para pasar tempo coa súa pequena.

O pasado 10 de abril competiu para chegar ao Campionato de España de boxeo neoprofesional, e aínda que non conseguiu a victoria, xa está centrada nos vindeiros retos que ten por diante. «Vou participar no Open Internacional de Marín a primeira semana de maio e o 20 de xuño estarei pelexando para revalidar o título de neoprofesional», lembra. Aínda que con ilusión polo que resta de temporada, Luzía contempla continuar competindo mentres disfrute dos retos. «Sei que me queda pouca vida deportiva, así que quero explotalo todo o que poida e non quedar coa espiña cravada», remata.