María Gómez, a limiá que triunfa en Instagram cas súas ilustracións e deseños de tatuaxes: «Volvín pintar na pandemia como afección e foi crecendo»

Uxía Carrera Fernández
Uxía Carrera OURENSE / LA VOZ

OURENSE

María compaxina un traballo unha aseguradora e outro como profesora particular de inglés ca súa faceta como ilustradora
María compaxina un traballo unha aseguradora e outro como profesora particular de inglés ca súa faceta como ilustradora

A artista de 33 anos traballa en Salamanca pero o seu universo creativo ten a Galicia como protagonista. Fará a súa primeira exposición este mes en Xinzo de Limia

16 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As redes sociais abriron para María Gómez unha porta que fixo da súa afección unha posibilidade profesional. De nena gustáballe pintar, pero deixouno a un lado ata a pandemia, cando volveu coller os pinceis para «matar á ansiedade». Comezou a subir as súas creacións a conta de Instagram @ojeart_ e os pedidos foron chegando ás súas mensaxes privadas. Agora xa supón un complemento para os seus traballos que espera que poda seguir crecendo. Este mes presenta en Xinzo a súa primeira exposición.

María, de 33 anos, é da capital da Limia pero vive en Salamanca dende hai sete anos. Volve a súa terra natal sempre que pode. Aínda que estudou Psicoloxía, alí traballa polas mañás nunha aseguradora e polas tardes dá clases particulares de inglés. Fóra desa intensa xornada laboral dedica gran parte do tempo a pintar, pero só dende hai uns anos. «Volvín pintar para relaxarme e que algo me devolvera a tempos mellores durante a pandemia, fixen unha conta de Instagram sen intención de facer nada e preguntáronme se vendía as ilustracións», conta. Pouco a pouco foi sumando seguidores e, con eles, clientes. De pequena aprendeu a pintar en óleo pero agora preferiu primeiro a acuarela e despois, maioritariamente, a ilustración dixital.

As creacións de María teñen moito de Galicia: da súa música, tradicións e cultura. Ademais de moita carga activista de diferentes asuntos de actualidade. Unha das propostas que máis a propulsou en redes foi deseñar ideas de tatuaxes de diferentes temáticas. «Fixen un despois da morte de Robe, de Extremoduro, e sen esperalo é o que máis visitas tivo», relata. A limiá vende as súas obras tanto en láminas como camisetas, bolsas ou cadernos, e tamén fai encargos a demanda. Polo momento, o seu proxecto favorito foron unhas ilustracións do casco vello de Salamanca, que aínda a segue abraiando cada vez que o visita. Xa a chamaron para colaborar en festas como o Esquecemento, onde fixo deseños cuxos cartos foron recadados para o Concello de Cualedro tras os incendios, ou nas romarías flamencas de Salamanca. En Xinzo terá a súa primeira exposición este mes, nas xornadas literarias: «Faime moita ilusión por ser o lugar onde nacín». María compaxina como pode o pluriemprego ca súa paixón, que espera que gañe horas do seu día como un novo traballo.