A ilustradora ourensá Xiana Canal lanza o seu propio proxecto mesturando natureza, fantasía e folclore galego
OURENSE
Tras catro anos no sector da publicidade, esta artista de 30 anos fíxose autónoma con Instagram como gran portfolio
20 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Xiana Canal acaba de dar o paso a traballar como autónoma cas súas ilustracións. Inspirada pola natureza, os animais, a fantasía, o folclore galego ou a mitoloxía, esta ourensá vende as súas creacións e tamén traballa a demanda. Con 30 anos recen cumpridos, deixa atrás o mundo do márketing para lanzarse co seu propio proxecto. «Quero abrirme camiño con iniciativas persoais que se me van ocorrendo e aproveitar Instagram como o portfolio que temos os artistas hoxe en día», comenta.
A deseñadora é de Ourense aínda que agora reside en Barbadás. A pintura foi a súa vocación dende moi pequena, por iso estudou o bacharelato artístico e despois formouse profesionalmente. Cursou na escola Antonio Faílde primeiro o ciclo de Ilustración e despois complementouno co de Deseño Gráfico. «Gustoume o primeiro e quixen facer algo que me abrira máis portas porque o mundo da arte é complicado», relata. Ao rematar, traballou catro anos nunha axencia de publicidade pero acabou «queimada» do mundo do márketing e as redes sociais. Así que dende hai uns meses é freelance. Aínda que tamén debuxa en acuarela ou acrílico, a maioría do seu traballo é ilustración dixital, de aí que o seu escaparate sexan as redes sociais. «É unha forma de chegar a un público amplo», asume. Aínda que estas grandes plataformas non sempre benefician o contido dos pequenos creadores artísticos. Xiana defende que tamén lle serve para coñecer outros artistas e compañeiros de profesión: «Hai unha rede de apoio bastante guai, todo o mundo é encantador e colabora, nós agradecemos ter consellos e gañar confianza». Por Instagram, na conta @xiana_canal, adoita ser o primeiro contacto dos seus futuros clientes.
A obra de Xiana ten moito de ilustración editorial, literaria, fantasía e tamén cultura galega. «Os temas naturais e os animais reláxanme moito, é un lugar seguro», explica. Pero non se queda todo niso, senón que a ourensá ten unhas «referencias moi abertas». Agora mesmo está trallando na ilustración de contos clásicos e recentemente tivo unha gran aceptación un mosaico sobre o entroido cas diferentes máscaras que se conservan na provincia. «Quedei contenta polo estilo e o icónico que é para Galicia, que tamén é un tema que me gusta», apunta. O dixital é esencial para Xiana pero segue indo a feiras para mostrar as súas creacións en directo, como no Allariz Debuxando. «É unha boa forma de darse a coñecer, gústame moito», asume.