O cabodano de Otero Pedrayo repítese na Catedral de Ourense

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Celebrouse unha misa e unha ofrenda floral para homenaxear ao «patriarca do galeguismo cultural» o mesmo día que o funeral en 1976

12 abr 2026 . Actualizado a las 20:56 h.

O 12 de abril de 1976, dous días despois do seu falecemento, celebrouse na Catedral de Ourense o funeral de Ramón Otero Pedrayo. Cinco mil persoas acompañaron ó cadaleito do intelectual para darlle o último adeus. Medio século despois o nome do escritor volveu protagonizar a misa do templo ourensán. Autoridades e veciños lembraron este domingo o 50 aniversario do pasamento do «patriarca do galeguismo cultural» no marco das celebracións do Ano Oteriano, que se estenden durante todo este 2026.

A misa deste domingo na catedral pareceuse moito á do mesmo día de 1976. Estivo oficiada polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e fíxose en galego. Hai 50 años presidiu o funeral a mesma autoridade e tamén o fixo en galego, pero daquelas tiña máis significado: por primeira vez en 23 anos utilizaba a nosa lingua nun acto público. As primeiras filas dos bancos da basílica estiveron ocupados en ambas ocasións polas máximas autoridades públicas da comunidade. Hai cincuenta anos acudiron ata a cidade ourensá cargos de entidades culturais de toda Galicia e incluso chegou un telegrama dos Reis de España. Este domingo acudiron ao acto o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes; e o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández. Tamén estiveron presentes membros da Fundación Otero Pedrayo e familiares do escritor.

En 1976 a cerimonia estivo acompañada polos cantos gregorianos da Coral de Ruada, que tamén interpretou o himno galego para despedir ao escritor. Neste 2026, a mesma formación musical volveu encher de son a catedral de Ourense. Unha vez finalizada a misa, a homenaxe seguir no cemiterio de San Francisco. Naquel 12 de abril levouse a Otero Pedrayo nun «carruaxe fúnebre» con miles de persoas ata o camposanto para sepultar os seus restos. Fronte a eles fíxose esta vez unha ofrenda floral.

O bispo de Ourense, Leonardo Lemos, lembrou na liturxia a Otero Pedrayo como un home «bo, lucido e xeneroso» profundamente entregado ao pobo galego a través do seu amor pola cultura, as tradicións enraizadas e a defensa pola nosa lingua. Defendeuno como un home de paz e diálogo pese a vivir uns tempos complicados, nos que exerceu coma ponte para o encontro e o ben común. O intelectual ourensán foi profesor, político, pensador e, por riba de todo, un humanista capaz de comprender a realidade da xente. Lemos relatou que o seu amor por Galicia non foi só literario senón tamén espiritual. «Non disociou a fe da cultura nin a intelixencia da transcendencia», predicou. Presumiu da súa puntualidade nas misas dominicais en Trasalba e dunha vida ao servizo dos demais. «Comprendía á rúa, á vila e á cidade», defendeu. Lemos pronunciou un discurso que podería repetir as verbas que xa dixo o entón bispo de Ourense en 1976, o mesmo día e na mesma catedral. Daquelas, tamén lembraron a frase que Castelao dedicou ao pensador de Trasalba: «Abrazarte a ti é abrazar a Galicia».