O Liceo recibiu a Medalla de Ouro da cidade nun acto de xustiza e gratitude

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A corporación de Ourense entregoulle a Medalla de Ouro da cidade ao Liceo, representado polo seu presidente, Javier Casares.
A corporación de Ourense entregoulle a Medalla de Ouro da cidade ao Liceo, representado polo seu presidente, Javier Casares. Santi M. Amil

A entidade cultural conmemorou este venres os seus 175 anos de historia

20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense entregou onte ó Liceo o maior galardón que concede a cidade, a Medalla de Ouro. O salón de plenos acolleu un acto solemne no que Javier Casares, presidente da entidade, ocupou un lugar destacado. Armando Ojea foi o encargado de ler a laudatio e o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, en nome da corporación, destacou o compromiso do Liceo coa cultura e coa liberdade.

Casares agradeceu á corporación municipal a concesión da medalla, unha distinción que coincide coa celebración do 175 aniversario da sociedade. Casares sinalou que este recoñecemento supón un estímulo para continuar coa súa traxectoria. No seu discurso, lembrou que foi fundado o 3 de marzo de 1850 nun Ourense moi diferente ó actual e explicou que a súa creación respondeu á necesidade dunha sociedade cultural e recreativa que canalizase as inquedanzas da cidadanía. Neste contexto, naceu o Liceo, como centro de reunión de xente con inquedanzas e preocupacións. O presidente repasou os principais fitos históricos da institución, desde a súa orixe como Recreo de Artesáns de Ourense ata o seu asentamento definitivo no pazo renacentista dos Oca Valladares, onde desde 1870 se desenvolve a vida social e cultural da entidade. Tamén destacou a creación das primeiras seccións culturais e académicas e a relación do Liceo con profesionais de distintas disciplinas e con membros da Xeración Nós, como Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e Cabanillas. Así mesmo, indicou que a entidade mantivo sempre unha vocación de participación activa na vida social e cultural de Ourense, impulsando iniciativas como o Foro Liceo e colaborando con diversas asociacións.

«Esta distinción, que é un recoñecemento da cidade á labor desenvolvida polo Liceo durante 175 anos, obriga a esta sociedade a seguir coa mesma filosofía de ser un centro de cultura que enriqueza Ourense», destacou. Antes de rematar a súa intervención, tivo un recordo especial para os expresidentes Antonio Fernández, Amando Prada Castrillo e José Carlos Martínez Pedrayo.

A actividade desprazouse ó Liceo, onde tivo lugar o acto de celebración dos seus 175 anos de vida. Alí tamén loaron a actividade do Liceo o presidente da Deputación, Luis Menor; o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

Neste marco, desde o PP sinalaron que este recoñecemento debería servir para facer unha reflexión. «Mentres entidades privadas e históricas sosteñen unha programación cultural estable, o Concello mantén pechados espazos culturais clave como o Museo Municipal e carece dunha programación cultural ambiciosa e continuada», sinalou a portavoz popular, Ana Méndez.