O artista traballou en directo en Afundación para reproducir unha obra da mostra «Simultánea»
10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o 25 de xaneiro • Luns a venres: de 17.30 a 20.30 horas. Sábados, domingos e festivos: de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas • Afundación • Praza Maior de Ourense • Afundación, a Obra Social de Abanca, puxo en marcha en outubro o seu proxecto máis ambicioso da tempada: sete exposicións, en cada unha das grandes cidades de Galicia, cunha selección das mellores obras que figuran nos fondos da súa colección. Cada mostra está centrada nunha temática e a de Ourense leva por título «Espazo aberto e natureza». Nas actividades complementarias —visitas guiadas, propostas para escolares e outras— Afundación incluiu este martes o traballo en directo de sete creadores, un en cada unha das exposicións. Na de Ourense estivo David Rubín.
A dinámica en todos os casos foi a mesma: o artista visitou a mostra o día anterior e escolleu a obra que ía reproducir. E ao seguinte, nas sete cidades é a mesma hora, os seleccionados puxéronse ao traballo.
Murguía, e como antes
Mesa, cadeira, papel de debuxo, rotuladores, auga e outros materiais estaban preparados para a experiencia. A mesma convocou a amigos, familiares, algún artista e lectores que se achegaron a Afundación para que o ilustrador lle dedicase algunha das súas obras.
«Paisaje invernal», un óleo sobre lenzo pintado en 1899 por Ovidio Murguía —fillo de Manuel Murguía e Rosalía de Castro— foi a obra escollida. «Decanteime por este cadro porque me fascinou moitísimo cando viñen a ver a exposición para valorar por cal me decidía. Foi unha atracción dende o primeiro momento. A atmosfera que transmite empezou a xerar en min un montón de sentimentos e ideas e xa vin claramente que ía a basearme nel para crear a miña obra», sinalou o ilustrador antes de comezar o seu traballo.
Unha aposta, a de participar nesta iniciativa, que chegou tamén cun valor engadido: «Vai ser diferente ao acostumado porque sairei da miña zona de confort. Dende hai anos traballo no cómic todo en dixital e isto é volver un pouco ao de antes, a usar materiais tradicionais. Que tamén é poñerte un reto a ti mesmo e serve para aprender algo máis con esta experiencia, como persoa e como artista», sinalou David Rubín.
No resto das mostras de «Simultánea» traballaron Flavita Banana, Siro, Luis Dávila, Abi Castillo, Nana e Iria Fafián. Un dos aspectos que salientou o ourensán foi a iniciativa de Afundación. «Síntome moi honrado de participar nesta actividade, porque eu nunca vin cousa tal —o de facer con diferentes artistas, de diferentes disciplinas, algo así— e que contaran comigo, e na miña cidade, fíxome unha especial ilusión».
David Rubín estivo hai uns días na libraría Sindicato del Cómic para presentar a súa última obra: «Operación Amanecer».