Mercedes Peón: «As protagonistas de "Osmose" son as traballadoras e as mulleres desta terra»
OURENSE
A artista trae ao FITO o seu primeiro espectáculo audiovisual, musical e performativo
18 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ao FITO chega esta tarde Mercedes Peón (Teatro Principal, 20.00 horas) e faino coa súa proposta escénica «Osmose». Tomando como referencia este fenómeno físico, a artista propón un relato crítico sobre os efectos do capitalismo nas nosas vidas. A que chega agora ao Festival Internacional de Teatro de Ourense é a primeira peza híbrida de Mercedes Peón, un espectáculo audiovisual, performativo e musical no que se acompaña das artistas Peque Varela e Laura Iturralde.
—Comentaba hai un par de anos que non ía publicar máis discos, pero que tiña en mente algo con «Osmose». Que decantou a aposta por unha proposta? destas características?
—A verdade que o confinamento foi o momento idóneo para varias cuestións. Púxenme coa película de Margarita Ledo «Nación» —que para min foi moi emotivo e vibrante— e nesas recibo a proposta de Natalia Simone, directora do teatro Conde Duque de Madrid, para programarme ao ano seguinte. Eu díxenlle: E que queres programar? E ela contestou: Quero que fagas o que queiras, quero programar algo que fagas ti… E así comecei a pensar libremente, podía facer o que quixera, xa había onde presentalo e podía crear tranquilamente, tiña tempo. «Osmose» foi o resultado dunha confianza de curadoría e apoio dunha estrutura como o Conde Duque.
—Ledo puxo o foco nas reivindicacións das mulleres que loitaron por reclamar os seus dereitos durante anos nos xulgados para facerse valer ante Pontesa. Vostede fai referencia a ese movemento, ás conserveiras e a outros colectivos. Chegará o momento no que se faga xustiza nesas loitas e movementos de resistencia contra os abusos do capitalismo?
—Entendo que hai casos nos que si se fai xustiza, pero está claro que en moitos non. Non hai persoa que non se sentira abusada por unha eléctrica, por unha multinacional de calquera tipo, por un banco, etcétera. A cuestión é no paradigma no que nos movemos, exactamente do que falas é do capitalismo, un sistema que actúa sistematicamente nos corpos —en cuestión de xénero—, nas persoas, neste caso mulleres que veñen de lugares pre-capitalistas e tamén sen unha adaptación ao xénero binarista. «Osmose» pregunta / expón que pasa cando un sistema non binarista, con corpos que non entende a subalternización de xénero, son atravesados e que acontece cando unha realidade de creación colectiva atravésase por ese sistema.
—As Encrobas, aínda percorrendo o país da man das imaxes de Anna Turbau, seguen a manter a súa pegada?
—A memoria é fundamental. Paréceme incrible que non se saiba que aconteceu nas Encrobas, que non se coñeza que esas tremendas mulleres puxeron o seu corpo diante dos gardas civís, que estaban na razón máis auténtica, o que está mal está mal, non hai medias tintas. Sacábanlles as súas hortas, as súas terras, o seu medio de case supervivencia, e puxeron os seus corpos porque sabían que para unha policía do franquismo, que subalternizaba ás mulleres, éralles totalmente incomprensible que se puxeran coma piquetes enfrontándose á violencia sen medo, porque podían, porque aquilo estaba mal e defendían o seu. Algo que hoxe en día é case impensable no imaxinario actual occidental xa que nacemos como subalternas e presuntas vítimas e iso o que fai é anularnos como persoas de pleno dereito e poder.
—Satisfeita do resultado da colaboración con Peque Varela e Laura Iturralde?
—As miñas compañeiras de viaxe en «Osmose» son e foron as que puxeron a excelencia na proposta escénica. Laura veu por casa, púxenlle toda a dramaturxia e propúxenlle crear unha arquitectura a través do máis artesanal e que estivese en escena comigo, improvisando e compartindo unha relación intensa no escenario. O caso foi que nos liamos tanto que hai marxe para improvisar pero é unha estrutura ben atada e moi emotiva, preciosa, inmensa de beleza. Peque Varela é a que nos deu coherencia nas imaxes, a creadora das animacións, a intervención nas miradas, elas mírannos, desafíannos, estamos case que con elas na carraxe e na impotencia e iso fíxoo Peque. Todo xunto ao tratamento do son en 5.1, saído do meu estudo, dialogando co pensamento de Marga Ledo Andión, coas imaxes do meu arquivo persoal etcétera, conforman esta peza híbrida chea de beleza que expón e afirma que non vimos de imaxinarios androcéntricos e fala dunha estrutura chea de fantasías de aceptación que veñen dende outra densidade, e como afecta o existente.
As protagonistas son as traballadoras e as mulleres desta terra en todo momento, elas son a cuarta parede.
—É autora de varias bandas sonoras. Traballa nalgunha?
—Veño de rematar unha curta —«Alboroque», de Sabrina Fernández Casas—, de facer un ritual para os montes comunais de Couso, e de facer unha composición para un poema de Andrea Nunes que xa se estreou no festival Desfoga, hai dúas semanas.